Entrevista a Lois Babarro, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense.

“Trasmitímoslle á sociedade ourensá que nesta cidade hai futuro e ese futuro depende en gran medida da nosa actitude”

Lois Babarro eloxia sectores estratéxicos como a tecnoloxía, con empresas como Egatel e Coasa, e incide en que o agroalimentario debe ser un elemento tractor da nosa economía.
Asesorar e visibilizar os novos proxectos empresariais que xorden na provincia son os principais obxectivos da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense. Falamos con Lois Babarro, o seu presidente desde 2012.

Cales son os obxectivos de AJE?
Lois Babarro (L.B.): “O principal é o de visibilizar a aquelas persoas que tiveron a valentía de xerar proxectos empresariais na provincia. E tamén poñer en valor, a nivel social, o que significa o empresariado.
A xente ten unha imaxe moi distorsionada. Pensan que todos teñen un iate ou coche privado, pero o 99% son micropemes que loitan por pagar a nómina dos seus traballores e tentar que lles paguen a eles, pois cobrar e facturar son cousas moi distintas que aprendes cando montas unha empresa.
Así mesmo, encargámonos de fomentar a cultura empresarial con charlas nos colexios, encontros empresariais, xerar networking entre os asociados e que colaboren uns cos outros. Ás veces temos a impresión de que as empresas van cada unha por un lado, pero estamos convencidos de que a colaboración crea unhas sinerxías que fan ás nosas empresas máis grandes”.

En que consiste o voso asesoramento?
L.B: “Asesoramos a quenes queren montar un proxecto empresarial antes de comezalo e facémoslles un seguimento. Neste momento somos en España 18.500 emprendedores, en Ourense 116, e o feito de pertencer a AJE permíteche participar en calqueira evento da asociación en España e tamén estás dentro da rede networking a nivel nacional. Gústame dicir que AJE non é unha asociación, é unha actitude. Trasmitimos á sociedade ourensá ou aos que están na Universidade que nesta cidade hai futuro e ese futuro depende en gran medida da nosa actitude”.

Nese futuro, montar unha empresa propia é unha opción?
L.B: “Hai moitas opcións, todas respectables, e crear unha empresa é unha delas. Hai varios motivos. Quen monta unha empresa ten certas inquedanzas empresariais, iso é evidente. Tamén para moitos é un orgullo montala aquí, en Ourense, aínda habendo máis facilidades noutro sitio.
A xente que fai iso ten que ser consciente de que os clientes tenos que buscar alá onde estean, ir a unha feira a Madrid, a un congreso en Berlín ou facturar ao outro lado do charco. En Ourense hai empresas pequeniñas que facturan moi ben. A memoria do ano pasado de AJE di que facturan en 11 países.
Hoxe tes que entender que naces nun ambiente local, pero tes que facturar fóra, senón é moi complexo ser competitivo”.

Que número de empresas e traballores representa AJE?
L.B: “Agora mesmo somos 116 empresas con 350 traballadores e 43 millóns de euros de facturación, segundo os datos do 2017. Estamos facendo as enquisas para os de 2018 e rondarán os 40 millóns de facturación. Estes datos demostran que si se pode crear unha empresa en Ourense. É difícil, pero é unha cuestión de actitude.
Se queres montar unha aquí pode durar 15 ou 16 anos sen a palabra que nos mata, na miña opinión, “subvención”. Nós cremos que un proxecto ten que ser viable, con xente solvente e con actitude. A partir de aí, se che dan unha axuda benvida sexa, pero se o teu proxecto depende só dela mellor non o fagas”.

Cómo está Ourense en actitude empresarial?
L.B: “Cada día hai máis visión emprendedora. Ata fai uns anos a única opción era traballar para terceiros ou para a Administración. Cremos que coa crise abusouse do concepto emprendemento. Levou a moita xente a emprender non por convencemento persoal senón por obriga, e iso é moi perigoso.
Nos medios de comunicación aparece que se crearon 5.000 empresas no último ano, pero o que non se di é que o 80% morren entre o ano 1 e 2, cando acaba a capitalización do paro. E un 10% adicional entre o ano 2 e o ano 5. Só 1 de cada 10 empresas resiste ao ano 5.
Para min inxectar diñeiro para que a xente monte empresas o único que crea é un ecosistema irreal. Non queremos maquillar as listas do paro, o que queremos é que esas empresas subsistan”.

A que dificultades se enfrenta o que intenta emprender?
L.B: “É certo que se mellorou e hoxe é máis doado que fai 10 anos, nun mes tes a empresa montada.
O que non pode ser é que cando empezas che caian os autónomos, impostos locais, autonómicos, nacionais… Ninguén pretende que os impostos desaparezan, pero nós intentamos que as administracións entendan que algunhas árbores se estrangularon antes de que desen froito. Non me podes pedir que eu que comezo tribute igual que unha empresa que leva moitos anos de vida.
Axudar aos novos empresarios é como invertir en educación, será rendible ao cabo dos anos e garantizas o futuro do país”.

Desde que é presidente de AJE viches aumentar o número de emprendedores?
L.B: “Cada día hai máis. Fai 5 anos eramos 36 asociados e agora somos 116. Hai máis proxectos e máis dinámicas e é algo que hai que agradecer ás administracións. Hai máis espazos coworking e de emprendemento, lanzadeiras, hai moitas axudas para montar unha empresa. Pedimos axudas para arrincar e no ano 1 e 2, a partir de aí xa tes que voar só, e se non o das feito é que igual non sabes voar”.

Cal cres que é o potencial de Ourense?
L.B: “Temos sectores estratéxicos como a tecnoloxía, con empresas como Egatel e Coasa. Pero o noso sector agroalimentario debe ser un elemento tractor da nosa economía. Se á calidade dos nosos productos lle engadimos un bo márketing cremos que é un sector cun futuro espectacular. Temos castañas, viño, noces, mazás… e hai que vendelas ao mundo enteiro”.

Que cres que lle falta á xuventude para dar o paso e emprender máis?
L.B: “Falta que crean na súa provincia. Vívese moi ben con argumentos como que lle corresponde a outro garantir o meu futuro. Dá máis vertixe pensar que o futuro da provincia depende de min como cidadán. Aos mozos correspóndelles empoderar a provincia e que o seu futuro dependa deles, sen máis.
Tes que ser parte do cambio na túa cidade, involucrándote en asociacións, movementos ou partidos políticos. Érguete, quéixate, pero móvete. O inmobilismo fai que sexas responsable do que te estás queixando. A sociedade ten que ser un pouco autocrítica. Desde AJE parte da nosa obriga é ser un pouco molestos. Se a xuventude non ten a ambición por un traballo mellor, por un mundo mellor, algo non se fixo ben”.