Ofrecerán un recital de violín e piano no ciclo de música.

‘Enclave de Cámara’ trae ao dúo Daniel Röhn e Milana Chernyavska

O VI ciclo de Música de Cámara de Ourense ‘Enclave de Cámara’ trae, este mércores 7 (ás 20 horas) ao Teatro Principal Ourense, o dúo formado polo violinista alemán Daniel Röhn e a pianista ucraína Milana Chernyavska. No concerto interpretarán obras de célebres compositores como Leclair, Debussy ou Mendelssohn, pero tamén de compositores menos coñecidos coma o noruegués Christian Sinding, que deixou un legado de obras excepcionais para seren interpretadas en concertos de cámara.

As entradas para o concerto oscilan entre os 5 e os 8 euros. Entradas online á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dende dúas horas antes do concerto.

Malia xuventude de Daniel Röhn, é un dos máis destacados talentos de hoxe en día. Terceira xeración dunha familia de portentosos músicos, destaca pola súa impresionante técnica e por recorrer ás tradicións musicais do pasado. Non sorprende, polo tanto, que Ruggiero Ricci, un dos grandes virtuosos do violín do século XX apoie con entusiasmo este novo artista afirmando que “o seu xeito de tocar lembra ao dos vellos Mestres”.
Ten participado coma solista en prestixiosos festivais e foi convidado por Lorin Maazel, Ricardo Muti e Pekka Salonen para tocar en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Radio Bavaria e coa SWR Sinfónica de Radio Stuttgart.

Milana Chernyavska é outro dos grandes talentos ao piano hoxe en día. Conta cunha impresionante carreira coma solista que a levou a tocar nas salas máis importantes do mundo. Apaixonada tamén pola música de cámara, tocou xunto a Julia Fischer, Daniel Müller-Chott, o Vogler Quartet entre outros e fundou o Milander Quartet. Actualmente é profesora de Dmytro Choni na University of Music and Performing Arts de Graz (Austria), flamante gañador este ano do Concurso Internacional de piano Santander Paloma O’Shea
Como dúo, Röhn e Chernyavska tocaron en salas como a Berlin Philharmonie, a Sala da Filharmónica de Múnic, a Festspielhaus Baden-Baden, o Centro Cultural de Lucerna, o Concertgebouw Amsterdam, Cité de la Musique en Paris, Southbank Centre e o Wigmore Hall. Tamén o fixeron nos principais festivais europeos como son o Festival de Rheingau, o Festival Mecklenburg-Vorpormmern, o Festival de Lucerna ou o Festival de Verbier.