A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trasladou este compromiso á alcaldesa da localidade.

Medio Ambiente axiliza os pasos para a construcción de vivendas en Oímbra

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou á alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo axilizará a tramitación do Plan especial de construción de vivendas neste municipio. Este foi un dos compromisos que a responsable de Medio Ambiente trasladou á rexedora municipal durante o encontro de traballo celebrado en Santiago.

Vázquez Mejuto indicoulle a necesidade de enviar dito proxecto ao IGVS para a análise, ou para completar a documentación- no caso de que se fose necesario, da proposta de Plan especial, co fin de iniciar a tramitación necesaria de cara a súa aprobación definitiva no prazo máis breve posible.

Outro dos temas abordados na reunión foi a posibilidade de colaborar nun proxecto de humanización de varias rúas no núcleo rural de San Cibrao, para dotar esta zona de beirarrúas que faciliten o tránsito peonil en condicións de seguridade. Ángeles Vázquez indicoulle que trasladará a súa proposta á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para comprobar as posibilidades de establecer unha colaboración para a execución desta actuación a cargo dos orzamentos da Consellería no ano 2019.