Crearase un parque de 8,4 hectáreas que unifique o espazo termal de Fontenova coa zona verde do Auditorio.

O novo “pulmón verde” de Verín, na Fontenova

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o propietario de Augas de Fontenova S.A, José de Sousa Sintra, asinaron un convenio de colaboración polo que a empresa cede ao Concello, de forma gratuíta e por un prazo de vinte anos, o uso e aproveitamento da buvette de Fontenova así como dos terreos da súa propiedade necesarios para a construción do novo “pulmón verde” do centro urbano da vila.

Este acordo faise realidade, tras ser aprobado inicialmente o Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas na zona de Fontenova que, pasando a fase de exposición ao público e estando á espera da súa ratificación final por parte da Xunta de Galicia, pretende viabilizar a construción dun gran parque nunha zona central de núcleo urbano de Verín xerando así espazos libres e zonas verdes, para coa finalidade de xerar un espazo de lecer mais accesible á poboación, asegurarando a súa accesibilidade e funcionalidade e a súa integración na estrutura urbanística.

Coa construción desta gran zona verde o grupo de goberno busca recuperar o gran “pulmón verde” de Verín cun parque de 8,4 hectáreas (84.684 m2) que unifique ou espazo termal de Fontenova coa zona verde do Auditorio, converténdose na gran área de esparexemento da cidade. O terreo, tradicionalmente ligado aos espazos termais de Verín, contiña varios biotopos na súa superficie, que serán recuperados, como unha pequena zona húmida e con vexetación autóctona.

Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, “esta actuación representa un fito na ordenación urbanística de Verín, e podemos considerala, sen lugar a dúbida, como unha das actuacións máis representativas desta lexislatura. Podemos dicir que esta gran zona verde simboliza en gran medida o cambio radical que deu a xestión política na vila, e que demostra que este Executivo aposta pola calidade de vida das persoas e a rehumanización da vila”.

Seoane confirmou tamén que esta previsto que sexa a finais deste ano ou principios de que vén cando se inicien as obras de achandado do terreo, sementado de céspede e plantación de árbores. “Neste momento xa adquirimos case o 70% dos terreos que conforman o novo parque. A nosa intención é que os nosos veciños poidan gozar da nova zona verde na próxima primavera”, concretou o alcalde de Verín.