A colaboración coa Xunta permitiu o acondicionamento.

Leiro cambia de cara á rúa Casanova e o centro cívico

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comprobou sobre o terreo o resultado do acondicionamento da rúa Casanova e do Centro Cívico, no Concello de Leiro, e destacou a mellora que supón para o contorno urbano, e a accesibilidade e seguridade nos percorridos dos seus veciños. O investimento foi de 100.000 euros (a Administración autonómica achegou o 80% e o concello o 20 restante).

Explicou que esta actuación vén así a facilitar o tránsito peonil e rodado no treito inicial da rúa Casanova e tamén na rúa do Centro Cívico, co obxectivo de mellorar a mobilidade dos veciños e reforzar a súa seguridade viaria nestas zonas tan frecuentadas, xa que acollen importantes equipamentos, como o centro escolar ou o mesmo Centro Cívico, lugar de actividade e de encontros.

Concretou que os traballos permitiron a renovación do pavimento e aproveitouse a obra para revisar as redes de saneamento, ademais de deixarse acondicionada para a instalación de futuros servizos, telefonía, electricidade. Tamén se substituíu a iluminación, instalando luminarias máis eficientes.

Avanzou que, de cara ao futuro, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previstas novas actuacións en materia de infraestruturas viarias neste municipio e no seu contorno.

Subliñou que, atendendo á solicitude do alcalde, se ten previsto acometer a limpeza da Ponte da Esperela, sobre o río Avia, na estrada autonómica OU-209. E indicou que o departamento que dirixe está a iniciar a tramitación necesaria, coa redacción dunha memoria valorada.