No marco de Fitur.

A Deputación presenta unha «provincia intelixente»

A Deputación de Ourense presentou en Madrid, na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2019, un proxecto líder en innovación no sector do turismo intelixente denominado “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, “que situará á provincia como referente turístico aproveitando os recursos das tecnoloxías máis vangardistas”, afirmou o seu presidente. «A nosa provincia destaca nun dos ámbitos que máis riqueza e competitividade xerará nos vindeiros anos, impulsado pola chegada da alta velocidade: a innovación no sector turístico, onde sobresae a administración electrónica e a capacidade de conectar co visitante a nivel tecnolóxico», dixo.

O presidente do goberno provincial remarcou que este recoñecemento “corrobora o traballo de innovación na xestión, realizado pola Deputación no proxecto “Provincia Intelixente”, incluído no Plan Ourense 15-19, “que sitúa á nosa provincia no cumio da vangarda tecnolóxica en relación ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”.

Esta plataforma integral de turismo intelixente, presentada en Fitur, ofrecerá aos turistas un portal web avanzado de información turística; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo. O proxecto foi aprobado na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es e suporá para a provincia de Ourense unha inxección económica de tres millóns de euros, co-financiados aos 60 % polo Estado.

Manuel Baltar dixo na súa intervención que este proxecto “converterá a Ourense nun referente turístico aproveitando o potencial dos recursos provinciais e das tecnoloxías máis vangardistas”. O proxecto enmárcase na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas, cun montante económico total de 68,3 millóns de euros.

Baltar salientou o traballo realizado por Fernando Suárez, director da Área de Transparencia da Deputación de Ourense, para acadar a aprobación deste proxecto de vangarda tecnolóxica, “que sitúa á Deputación de Ourense na punta de lanza da creatividade e da xestión da oferta turística, unha provincia como é a nosa, que destaca polas súas singularidades termais e naturais e na preparación de deportistas de alta competición, así como por unha riqueza monumental, etnográfica e paisaxística das máis importantes do mundo”.

A iniciativa permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos (liña “Ourense ao teu alcance”); de servizos personalizados “baixo demanda” (liña “Sinte Ourense”), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña “Ourense guíate”).

Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais.

Tamén, entre as innovacións do proxecto destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: Big Data, Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e Marketing Dixital.

“Desta maneira, a provincia de Ourense impulsa unha nova forma de facer turismo, máis sustentable e personalizada, que fai da inmediatez e da conectividade a súa principal innovación para que o turista teña todo Ourense a un “clic” de distancia”, destaca Manuel Baltar.

Trens turísticos
Posteriormente a este acto tivo lugar no mesmo stand de Galicia a presentación dos “Trens turísticos de Galicia” 2019, “unha iniciativa froito da cooperación entre Deputación de Ourense, por medio do Inorde, a Xunta de Galicia e Renfe, que nas sete edicións que se teñen desenvolvido ten acadado éxito tras éxito”, valorou Manuel Baltar, destacando o protagonismo da provincia de Ourense, por cuxo territorio pasa a metade destas rutas ferroviarias. A presentación contou, ademais de Manuel Baltar, coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do director de servizos comerciais de Renfe, Escolástico González.