Investirá ao redor de 800.000 euros.

A Xunta acometerá a ampliación do CIFP A Carballeira

O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel ampliarase grazas a un investimento da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, de 800.000 euros. A conselleira, Carmen Pomar, visitou un centro que conta con máis de 830 estudantes.

Desde o centro están interesados en ampliar o número de ciclos plurilingües que imparte, sendo dous neste momento: Laboratorio de análise e de control de calidade e Hixiene bucodental.
Neste momento estase a avaliar a encarga do proxecto técnico, que se desenvolverá no segundo trimestre deste ano 2019. O obxectivo é licitar a obra antes de que remate o ano. A actuación consistirá no reforzo da estrutura para a construción dunha planta adicional cunha superficie construída duns 1.000 m², dos que aproximadamente 700 útiles corresponderán a espazos lectivos. Nela ubicaranse dúas aulas polivalentes e seis aulas-taller para as familias profesionais de Sanidade, Química e Informática.

A conselleira, que estivo acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde, Jesús Vázquez Abad, felicitou tamén o centro pola súa excelente participación na Galicia Skills 2018. Non en balde un dos seus alumnos, Iván Rodríguez Salgueiros, gañou a medalla de ouro na skill de Solucións de software para empresas, polo que formará parte do equipo que participe en Spain Skills.

Escola de arte
Carmen Pomar aproveitou o seu paso por Ourense para visitar a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, que conta con case 300 alumnas e alumnos distribuídos entre as ensinanzas profesionais de Ebanistería Artística, Fotografía e Ilustración, e as superiores de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores.