Esta quinta edición que se desenvolverá entre os días 2 e 7 de abril.

A ICC Week contará con Iker Jiménez e Luis Piedrahita

O patrimonio cultural da provincia volve a ser a imaxe da Semana das Industrias Culturais e Creativas, “Ourense ICC Week” que organiza a Deputación de Ourense e que nesta quinta edición centra a súa imaxe no Xadrez de San Rosendo, oito misteriosas pezas de cristal conservadas na Catedral de Ourense e que constitúen un dos vestixios máis antigos deste xogo en toda Europa.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, celebra a súa quinta edición entre os días 2 e 7 de abril, durante os cales Ourense converterase no “foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación que, en diferentes lugares emblemáticos da nosa provincia, analizarán, debaterán e gozarán coas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon a disposición do público”, anunciou o presidente do goberno provincial.

Este ano volverase a centrar a imaxe da “Ourense ICC Week” na importante riqueza creativa e patrimonial da nosa provincia, coa valiosa colección de pezas de xadrez atribuídas ao tesouro de San Rosendo.

Esta xoia do noso patrimonio terá tamén un especial protagonismo durante a celebración da “Ourense ICC Week” 2019, nunha mesa de debate que se celebrará o día 4 de abril na Catedral de San Martiño e na que participarán relatores de primeiro nivel como o xornalista de El País e Mestre Internacional de Xadrez, Leontxo García; o doutor de Arqueoloxía Islámica na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Valdés, quen desvelará unha importante primicia sobre este xogo durante a charla; e o historiador experto na Galicia Medieval e profesor da UNED de Ourense, Anselmo López Carreira. A mesa será moderada polo autor do libro Xaque a Jakobusland, Pablo Culebras, no que se mestura a historia do xadrez, a figura de San Rosendo e as invasións viquingas a Galicia.

Xornalismo
Ademais da imaxe, os coordinadores da “Ourense ICC Week” desvelaron algúns detalles da programación desta quinta edición na que, nesa liña de aposta pola diversidade creativa, darase cabida ao xornalismo en tódalas súas vertentes (audiovisual, radiofónica ou nas redes) da man de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio e o paranormal, que participará co seu formato en directo chamado “Cara a Cara”. Trátase dunha nova experiencia de comunicación na que os asistentes poderán preguntar directamente a Iker, nun diálogo próximo no que a interacción será a clave, na procura dunha conexión total cos asistentes. O encontro terá lugar o mércores, 3 de abril, no Teatro Principal de Ourense.

Humor
E do xornalismo pasarase ao humor como base de toda a creatividade, unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrial Culturais e Creativas e que nesta edición correrá a cargo do humorista, ilusionista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita, quen ofrecerá o seu monólogo “Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas”, o domingo, 7 de abril, no Auditorio de Ourense.

E-Sports
A programación E-Sports ocupará espazo nas xornadas do xoves, venres, sábado e domingo, sendo nas citas da fin de semana cando se celebren os torneos gratuítos de FIFA 19 e FORNITE en plataforma PS4 con retransmisión online e premios para os gañadores. “As inscricións abriranse a partir do 25 de febreiro”, dixo Manuel Araújo, quen destacou o protagonismo dos videoxogos “na nosa sociedade, dos 6 aos 65 anos, xerando unha industria que se estima que no 2020 poida chegar aos 15 millóns de dólares a nivel mundial”.

O apartado E-Sports inclúe este ano ademais unha charla que, baixo o título “Videoxogos: dos riscos ás oportunidades”, estará dirixida aos centros educativos para mozos de entre 12 e 17 anos. A conferencia estará dirixida polo doutor José Luis Montiel Castaño e polo fundador de MundoGT, Alfonso Rodríguez Iglesias. Trátase dunha mesa orientada ao fomento do uso responsable dos videoxogos e tamén a advertir sobre os riscos derivados do seu mal uso.