Xantar foi na primeira que estiveron presentes.

Os produtos galegos do mar promocionaranse en feiras internacionais

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o valor do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar como escaparate que “dá a coñecer os nosos produtos e a nosa oferta gastronómica e que dá visibilidade a Galicia”. Neste sentido, sinalou que esta feira é a primeira das máis dunha ducia nas que a Xunta estará presente durante este ano, o que levará a Galicia a difundir a calidade dos produtos do mar en lugares como Hong Kong, Boston ou París, entre outros.

Así o expuxo a titular de Mar durante o acto central do Día do Mar no 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a feira que acolle Ourense desde o catro ata o 10 de febreiro e na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Alí a conselleira tamén subliñou que estes certames, “son fundamentais para a xeración de riqueza socio-laboral e económica para Galicia, pois permiten continuar adiantando posicións e consolidar as xa adquiridas nos mercados nacional e foráneos”.

Nesta liña, Rosa Quintana enxalzou a tradición, a autenticidade e a calidade dos produtos do mar de Galicia. Unhas características, sinalou, que se comproban a través das degustacións que a Consellería do Mar ofrece no marco desta feira e nas que son protagonistas os produtos con selo de calidade pescadeRías, como a vieira, a faneca ou o polbo e o mexillón de Galicia e as campañas O noso, con selo e Namórate dun galego.

Tamén a lamprea, que vén da man da Confraría de pescadores de Santa Tecla, o bonito do Norte, coa campaña Aquí facémolo bonito, en colaboración con Armadores de Burela (ABSA) e as conservas coa campaña Cata a lata, da man de Anfaco-Cecopesca. Ademais de ofrecer estas degustacións, a Consellería do Mar está presente en Xantar.

Con estas accións, subliñou Rosa Quintana, “Galicia pode exhibir con orgullo as bondades da súa terra e do seu mar neste escaparate”. Un escaparate, lembrou, “aberto aos máis de 24.000 visitantes que pasaron por aquí o ano pasado e no que máis de 270 expositores mostran unha ampla oferta cultural, turística e gastronómica”.

Ademais a conselleira destacou o “marcado carácter internacional” desta feira, que conta coa presenza de máis dunha ducia de países, e que nesta edición dá un papel protagonista a Brasil. A titular de Mar tamén se referiu a Xantar como “o punto de encontro coa promoción gastronómica e o fomento dos recursos turísticos da nosa rexión, ao conxugar á perfección a calidade dos nosos produtos coa excelencia competitiva dos nosos servizos”.