Ourense prepárase a os entroidos. Xinzo celebrou o Fareleiro.

Entroidos na provincia

Como vén sendo tradición Xinzo de Limia é dos máis madrugadores á hora de dar comezo ao Entroido. Tres semanas antes dos días fortes desta celebración os limiáns comezan co Petardazo e o Domingo Fareleiro. Este último tivo lugar o 10 de febreiro (o día 9 foi o Petardazo) e congregou a centos de persoas na praza Maior que tiñan gañas de troula. En poucos segundos a zona tinguíuse de branco para dar o pistoletazo de saída dun dos Entroidos máis longos e declarado de Interés Turístico Internacional.
Veciños e visitantes disfrazáronse ou puxéronse os “mellores” farrapos para acudir a esta batalla na que o armamento é a fariña.

Oleiro
Tras esta primeira toma de contacto, esta fin de semana continúan as actividades. Así, o día 16 colgarase ao Meco despois dun percorrido polo casco Vello. Ao día seguinte, será o Domingo Oleiro. O sábado 23 de febreiro celébrase a Noite de Corredoiro e o 24, o Domingo Corredoiro (día no que sairán á rúa as Pantallas por primeira vez).
E, finalmente, Xinzo meterase de cheo no Entroido durante cinco días de auténtica troula. O venres, 1 de marzo, ás 11.30 horas os máis cativos toman o protagonismo co desfile infantil. O martes, día 5, a partir das 17.30 horas, será o tradicional desfile de disfraces e comparsas polas rúas da vila.
Este ano, a capital limiá contará coa campaña “Quítalle a máscara ao machismo” para loitar contra a violencia de xénero. Habilitaranse varios puntos para atender calquera incidencia que se presente deste tipo.

Maceda
Os Felos de Maceda non faltarán á cita. O sábado 23 de febreiro celébrase o Sábado de Desmadre a partir das 20 horas na praza das Toldas da vila. O día 1 de marzo será o Venres de Comadres, tamén nas Toldas ás 20 horas. Os días 2 e 3, os Felos farán un percorrido durante toda a xornada polos pobos, con saída e chegada en Maceda. O día 3 realizarase a Baixada da Marela (ás 20:30 horas desde o parque do Toural). O 4 de marzo, o pavillón municipal acolle unha festa infantil a partir das cinco da tarde (con inchables, o Mago Deimi e un desfile). O martes 5, ás 17:30 horas será o desfile dos Felos, comparsas e carrozas (con máis de 1.000 euros en premios) desde a praza das Canteiras. E o día 6 rematarán os actos co enterro do Entroido.

Verín
Na capital do Támega a festa comezará o xoves de Compadres, o 21 de febreiro, coa primeira saída dos Cigarróns. O domingo, 24 de febreiro, a partir das 11:30 horas, haberá concentración de Cigarróns na praza do Concello, que recibirán aos fregueses; e ás 13:30 terá lugar o pregón.
Un dos días grandes será o xoves de Comadres (28 de febreiro). Pola mañá (11.45h) os máis cativos terán o seu desfile (comezará no entroncamento de Canella Cega coa rúa Cabreiroá para rematar na praza Maior) e pola noite mandarán as mulleres, con procesión incluída.
O venres de Compadreo será o 1 de marzo. E seguirán cinco días de troula sen parar. O sábado, o máis destacado será o “Bautizo do Cigarrón” ás 17 horas; o domingo -día grande- a partir das 12, cigarróns, comparsas e carrozas percorrerán o centro da vila no gran desfile matinal. O luns, ás 16:30 horas, festa infantil con obradoiros, xogos e karaoke no pavillón municipal de deportes. O martes, o derradeiro desfile dará comezo ás 16.30 horas. E como epílogo das festas, o Domingo de Piñata pecha a semana grande cunha gran comida popular para os participantes nos desfiles.

Laza
Laza fará os seus tradicionais folións ás 23 horas dos días 8, 15 e 22 de febreiro. Tamén celebrará o Sábado de Cabritada (o 2 de marzo). O domingo 3 estrearanse os Peliqueiros pola mañá. O lúns Borralleiro (día 4) será o momento da baixa da Morena. E a festa rematará o martes día 5 co enterro do entroido e loito dos Peliqueiros.

Ourense
Na capital o pregón correrá a cargo do humorista Xosé Antonio Touriñán -o xoves de comadres, 28 de febreiro-. O desfile terá lugar o domingo, 3 de marzo a partir das 5 da tarde. E o mércores, 6 de marzo, Ourense despídese do entroido co Enterro da Sardiña (20 horas).
Ademais, non se pode esquecer un dos entroidos das Eiroás, coa voda da Pita o martes 5, ás 13 horas; o de Seixalvo, co seu desfile o martes 5 ás 17 horas; e o de Frei Canedo, coa súa procesión o lúns 4 de marzo. Hai que “vivilo intensamente”, dicía o alcalde de Ourense na presentación do programa de actividades que o Concello organiza para eses días, e nas que as charangas serán protagonistas.

Outros entroidos
En Bande o máis destacado será a saída dos Troteiros, o sábado 23 de febreiro, o domingo 3 e o martes 5 de marzo. O desfile está previsto para a tarde do domingo día 3.
Celanova, pola súa banda, centra todo o seu Entroido no Sábado de Piñata que terá lugar o sábado 9 de marzo. Os que se resiten a deixar o disfraz ata o ano que vén achéganse á vila de San Rosendo para participar neste evento que congrega a un gran número de comparsas de toda a provincia.