O Concello de Allariz presentou, no Fogar dos Maiores, a programación das 15ª Xornadas para a Igualdade que terán lugar durante o mes de marzo.

Xornadas para a Igualdade en Allariz

A concelleira de Benestar Social, Maribel Poisa, e a técnica de Igualdade, Ana Pérez, foron as encargadas da presentación na que explicaron a programación e os obxectivos das mesmas que xirarán arredor da convivencia “con vontade de cambio social”, explicaba a concelleira.

Baixo o eslogan “Por habitar e habitarnos dende o amable, amante, vivible e convivible” a programación, que se desenvolverá en varios espazos da vila dende o 7 ao 21 de marzo, centrarase na celebración de charlas, música, cine obradoiros para homes e mulleres e unha nova sesión da mesa de coordinación contra as violencias.

As xornadas inauguraranse dun xeito especial, coa presentación da curtametraxe “As doulas existen, só hai que crer nelas!», un proxecto realizado coas asociacións veciñais de Nanín, O Mato, San Vitoiro, San Mamede e Santa Mariña no que explican o seu sentir como doulas. O programa púxose en marcha co obxectivo de formar a mulleres como figura de referencia ás que podan acudir aquelas persoas que estean en situación de violencia de xénero. “Serven de apoio e ofrecen información a todas as mulleres que o precisen”.

Programación
– Día 7
19.30 h. Inauguración das XV Xornadas para a Igualdade. No Fogar dos Maiores.
21 horas. Concerto de Mad Mission. En Arnoia Costas.

– Día 8. Día de folga xeral
18.30 h. Xuntanza da mesa de coordinación contra as violencias. No Fogar dos maiores.

– Día 13
Obradoiro no IES: Deconstruindo muros; unha educación de sexos. No IES Allariz.

– Día 14
17 horas. Obradoiro para homes e mulleres. Somos Corpo! Habitar(nos) desde o bo traballo. Fogar dos maiores.
21 horas. Cine pola diversidade: Gabrielle. BenComun Espazo, praza Torre Lombarda, 1 baixo.

– Día 20
Obradoiro no IES: Arte urbano. IES Allariz.

– Día 21
17 h. Obradoiro para parellas: Corpos, desexos e fraxilidade. Fogar dos maiores.
20 horas. Parrafada na tasca: O valor da diferenza para facer posible a convivencia. Tasca A Pepiña de Allariz.