As obras substituiron a vella área de xogos, de area, por outra máis segura elaborada con caucho reciclado.

Reabre o parque das traseiras de Camiño Caneiro

O parque das traseiras de Camiño Caneiro está de novo á disposición da cidadanía cun marcado carácter interxeracional. Deste xeito, quedaron listas as novas áreas de xogos infantís e de elementos biosaudables para adultos no parque da traseira de Camiño Caneiro, cunha superficie total de 160 m2 e un orzamento de 48.206,27 euros.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, apelou á colaboración cidadá “para coidar e manter unha zona de lecer que poñemos a disposición de cativos e maiores, para que compartan un espazo singular na nosa cidade”.

As obras substituiron a vella área de xogos, de area, por outra máis segura elaborada con caucho reciclado, de efecto amortecedor para a seguridade das crianzas. Protexida contra a entrada de cans por elementos disuasorios
inofensivos para os animais.

O espazo para adultos, no que se colocarán catro aparatos de exercicio biosaudables, ten superficie de cemento pulido, e contará con dúas entradas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Súmase así aos 56 parques con elementos biosaudables repartidos por todo o Concello de Ourense, e nos que hai instalados un total de 232 aparellos para o exercicio da cidadanía.

Entre eles os recentemente instalados nas ribeiras do Miño, con aparatos de calistenia, ou ao Parque Infantil da Alameda do Cruceiro, primeiro parque inclusivo de Galicia.