Pola súa labor a prol da etnografía e da lingua galegas.

Elixio Rivas, medalla de ouro da provincia

O filólogo e etnógrafo ourensán Elixio Rivas Quintas recibiu na Deputación de Ourense, a medalla de ouro da provincia, un galardón outorgado pola institución provincial que, nesta ocasión, rende homenaxe e pon en valor as importantes achegas de Elixio Rivas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galegas, un tesouro cultural que este “ourensabio” soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional”, expresou Manuel Baltar.

No acto de entrega do galardón, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo Provincial Baltar salientou que segundo consta no Regulamento de Honores e Distincións “é de obrigado deber deste goberno provincial promover a exaltación dos seus fillos máis ilustres, xa que dedicaron o mellor das súas vidas pondo o seu talento e intelixencia en favor do noso desenvolvemento cultural, artístico, musical, social e económico, como é o caso do noso ilustre galardoado, que tanto leva aportado, e que segue fortalecéndonos cunha inxente e rigorosa obra de estudo e difusión nos terreos da historia, a etnografía e a lingüística -principalmente na lexicografía-, a onomástica e a toponimia”.

Pola súa banda, Elixio Rivas, quen agradeceu a máxima distinción que lle outorga a Deputación de Ourense, dixo que dedicou toda a súa vida profesional á investigación etimolóxica, e destacou que o topónimo “Ourense” data de hai 4.000 anos e procede da “auga”, “unha auga, que na nosa provincia ten, aínda, un maior significado polo seu carácter termal”, agradecendo ao presidente Manuel Baltar “o labor que fai a prol do noso termalismo” e por “restaurar con seu labor” a grandeza que merece ter a riqueza termal da provincia de Ourense.

Rivas expresou que a súa tarefa investigadora ao longo de décadas “foi a de recoller o legado dos últimos herdeiros da tradición rural galega”, anos de traballo de campo, viaxes e investigación académica nos que analizou documentos e achegas etnográficas que permitiron enriquecer á nosa cultura con 16.000 palabras máis no diccionario galego; 45.000 novas definicións e máis de 10.000 páxinas de toponimia, onomástica e historia de Galicia. “Quédame a satisfacción de ter podido rescatar para a memoria o labor de 490 ourensáns que non ficarán no esquecemento, e outros temas máis, anacos da nosa terra, que non merecen ser fundidos no anonimato dun mundo alleo e inhumano no que todo semella difuminado e tragado pola técnica e as máquinas sen alma”, dixo Rivas.

O acto contou coa laudatio a cargo de José Antonio Quintas, vicepresidente da asociación cultural “Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata Ourense”, e do escritor e membro da RAG Xesús Ferro Ruibal. O instrutor do expediente de honra, o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, deu lectura a resolución pola cal a Deputación de Ourense outorga a medalla de ouro a Elixio Rivas. A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 25 de xaneiro, ditaminando conceder a Eligio Rivas a dita distinción. Manuel Doval destacou que se lle outorga este recoñecemento «como homenaxe do noso pobo a toda unha longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable e a súa implicación no estudo e difusión dos principais valores culturais da nosa provincia».

A Medalla de Ouro da Provincia de Ourense que recibiu hoxe Eligo Rivas súmase as distincións que xa ten recibido, como o Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra A Limia, o Premio “Taboada Chivite” (1980) ou a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000), entre outras.