Unha aplicación percorre as rúas e establecementos da Valenzá.

A Valenzá en 360º

O concello de Barbadás acaba de pór en marcha unha aplicación informática na páxina web oficial do concello (www.barbadas.gal e tamén en www.turismobarbadás.com) que permite a visita virtual das rúas do núcleo da Valenzá, así como dos seus establecementos comerciais.

Deste xeito, a iniciativa da acceso a observar os puntos de interés turístico repartidos polo termo municipal (museo da gaita de fole, museo etnográfico de Loiro, etc.) a vista de dron, segundo explicou o tenente de alcalde Xosé Manuel Fírvida durante a presentación pública desta ferramenta.

Fírvida apuntou que vai destinada “para todos os veciños e visitantes, que consideramos de utilidade, posto que Barbadás, e nomeadamente A Valenzá, constitúe un concello vivo e dinámico, con máis de 13.000 habitantes”. Por outra banda, “a intensa laboura de recuperación dos recursos urbanísticos e naturais do concello, levada cabo en todos os núcleos, dalle contido a esta idea promovida polo propio concello e desenvolvida polo grupo Innova”.

O comercio
O obxectivo principal, ademais do potencial uso con fins turístico recreativos virtuais, segundo o tenente de alcalde, “é o de impulsar, dinamizar e visibilizar o comercio e a economía local, xa que as vistas xerais de rúas chegan á porta dos establecementos e contén información sobre os mesmos. Ademais, os donos teñen a posibilidade de incluir imaxes do interior e completar a promoción do mesmo”. Deste xeito, o usuario interesado en mercar algún produto ou visitar algún local de hostalería ou restauración, tería información documental sobre as instalacións: ubicación, superficie, aspecto ou servizos, que permiten tomar unha decisión co maior coñecemento previo, segundo explicou David Yebra, en representación do grupo Innova.