Foi presentado o programa de actividades.

Xa falta menos para a Festa do Boi

Allariz inicia a conta atrás para a celebración da Festa do Boi 2019 que terá lugar do 15 ao 23 de xuño.
Durante 9 días desenvolveranse máis de 60 actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as carreiras do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.

Dezaseis carreiras do boi centrarán a programación da Festa do Boi 2019. A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi.

Os nenos e nenas terán o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as carreiras de boi infantís, o espectáculo de monicreces creado polos centros de ensino de Allariz ou o pistaboi.
A Festa do Boi conta cun orzamento de 82.000 euros, sufragado pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.