Concurrirán xuntas ás eleccións municipais.

Ourense Mellor e En Marea unen forzas

En Marea e Ourense Mellor propoñense aunar esforzos na provincia para desterrar «prácticas caciquís» e impulsar «un proxecto ao servizo das persoas» na Deputación provincial. A formación asinou este venres o convenio de colaboración con Ourense Mellor. Unha plataforma que aglutina persoas de distintos colectivos cidadás; e que traballará dende o ámbito municipal para sacar adiante un plan de futuro que mellore a caldidade de vida do conxunto da cidadanía ourensana.

«Queremos un Ourense mellor nunha provincia mellor». Así resume Luís Villares o plan de En Marea para Ourense. Un plan que pasa por aunar esforzos dende os distintos municipios para conseguir un cambio, tamén no goberno provincial. «As elección de maio son municipais, pero terán consecuencias nas Deputacións. Por que non podemos acumular a confianza depositada nas nosas candidaturas ao longo e ancho da provincia?», pregúntase o voceiro de En Marea. Que coa incorporación de mareas locais como Ourense Mellor aspira a tecer rede e a poñer en común o traballo de espazos ata agora inconexos. «Buscamos facilitar o encontro, polo conxunto da cidadanía. Agrupar para acadar unha representación na Deputación que sexa proporcional á confianza electoral que xa hoxe temos en calquera das catro provincias galegas. Ese esforzo por unha provincia mellor é o que xustifica este convenio. A unión de forzas das distintas Mareas da provincia, que queren unha alternativa ao caciquismo ao que nos ten acostumados Baltar», afirma Luís Villares. Que lembra a recente sentenza firme que corrobora a ilegalidade das prácticas da institución provincial con relación a unhas contratacións. «Un xeito de proceder que forma parte da marca da casa do PP. E por esa razón a Valedora do Pobo segue hoxe atornillada ao seu cargo: porque ten o respaldo de Núñez Feijóo», conclúe Villares.

O voceiro de En Marea puxo en valor a diversidade dunha candidatura municipal que aspira a traballar arreo «para buscar saídas a unha cidade que viviu paralizada os últimos catro anos. Unha cidade sen orzamentos, sen proxecto, sen futuro. A xente merece un futuro, e temos un plan para iso», afirma Luís Villares, Que destaca a diversidade e a conexión directa cos movementos sociais e coa cidadanía da candidatura que encabeza Etelvino Blanco. «Non nos conformamos con que a provincia e a cidade sigan con moitos dos seus plans esenciais paralizados. Algo que vai solucionar un equipo de xente integrado por moitas persoas implicadas en distintos colectivos, que traballarán arreo para que ninguén quede atrás e para cosenguir o desenvolvemento de Ourense como cidade dentro dun todo máis amplo», explica.

Tamén a vicevoceira da formación e responsable de Municipalismo, Ana Seijas, puxo en valor esa suma de forzas que quere garantir que en Ourense, como no conxunto de Galicia, non quede ninguén atrás. Un proxecto «ao servizo das persoas para conseguir nas Deputacións ese espazo que nos corresponde, rematar co caciquismo e coa sobrerrepresentación de quen non soluciona os problemas da veciñanza».

Nas mesmas ideas incidiu o que será o cabeza de lista de Ourense Mellor, Etelvino Blanco. Que destacou os valores compartidos con En Marea e fixo un chamamento á unidade. «Dende o proceso de primarias e ata este momento continuamos abertos, e ata o último día traballaremos para conseguir a unidade da esquerda na cidade. Algo imprescindible para conseguir ese Ourense mellor ao que aspiramos como plataforma».