Terá lugar o sábado, 20 de abril, e coincidirá coa XII Festa da Vitela.

Cultura e tradición no Festival e Feira Medieval do Bolo

O III Festival e Feira Medieval no Castelo do Bolo encherá un ano máis de cultura e tradicións centenarias a vila do Bolo, un evento no que colabora a Deputación de Ourense e que terá lugar o 20 de abril, coincidindo coa XII Festa da Vitela. Un mercado medieval, mostra e exhibicións de cetrería e música tradicional, co protagonismo da Real Banda de Gaitas coa súa formación xuvenil e as cantareiras, entre outros artistas, conforman un amplo programa de actividades.

A presentación tivo lugar no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, o experto en cetrería e representante de “Rapiñas do Salnés”, Evaristo González, e os membros da organización da festa Leo e Rodrigo Vázquez.

O acto, que contou na súa parte musical coa participación de integrantes da Real Banda de Gaitas, tivo como protagonista a unha aguia real, que será unha das aves que realizarán demostracións de cetrería na festa medieval.