Iago Tabarés, BNG

“O BNG sempre defenderá os intereses de Ourense”

Iago Tabarés foi concelleiro nacionalista en Ourense e deputado no Parlamento de Galicia. Este avogado preséntase como candidato ao Congreso polo BNG.

Que propostas levará ao Congreso para mellorar a situación da provincia de Ourense?
Iago Tabarés: «A situación demográfica, económica, produtiva e social da provincia de Ourense é catastrófica. Esta situación deuse debido ás políticas desenvolvidas polos gobernos do Estado. Nós, o BNG, confiamos nas potencialidades de Ourense e cremos nas capacidades da poboación. Por iso é importante a adopción urxente de medidas para reverter a situación».
«No eido rural, compre a recuperación da superficie agraria útil, a ordenación da explotación forestal, o establecemento dun sistema de garantía de rendas para os produtores e circuitos de proximidades para a comercialización e transformación de produtos».
«A formalización de compromisos concretos para a construción de vías de comuniación e autoestradas que permitan a vertebración do territorio, tanto no interior da provincia como coas outras capitais de Galiza».
«Impulsaremos tamén o noso tecido industrial, tanto co investimento en I+D+I como a implantación dunha tarifa eléctrica galega ou a oposición a deslocalización das empresas».
«Apostaremos polo establecemento dunha renda social básica, o mantemento dos servizos públicos- nomeadamente no rural- a reclamación da débeda do Estado en materia de dependencia así como a valoración das pensións son medidas prioritarias que urxe tomar e que terán especial incidencia en Ourense».
«En suma este é un exemplo –por razóns obvias non exhaustivo- das moitas as medidas que compre adoptar e que permitirán que Ourense poda mirar o futuro con optimismo».

Por qué cree que a súa opción política beneficia á nosa provincia?
I.T.: «Estou convecido –e por iso o meu compromiso- que o BNG é a mellor opción para Ourense e para Galiza. O BNG sempre defendeu e defenderá os intereses de Ourense e de Galiza e nunca os supeditará aos doutros territorios».
«A experiencia desta lexislatura –mesmo dos últimos días e semanas- acredita que só cando o Bloque Nacionalista Galego está nas institucións públicas, os problemas, necesidades e proxectos de Ourense e de Galiza están. Por iso, é importante que a organización que eu encabezo por Ourense teña representación no Congreso dos Deputados. As ourensás e ourensáns deben confiar en si mesmos e confiar nas potencialidades do territorio. O BNG faino e deféndeo aí onde está».

E como beneficiará ao estado en xeral?
I.T.: «Se ben é certo que o BNG é unha forza nidia e exclusivamente galega, tamén defende principios e valores necesarios para o resto das persoas. O Bloque Nacionalista Galego é unha organización de esquerdas, nacionalista pero tamén internacionalista».
«Dentro das institucións españolas tamén podemos apoiar propostas que beneficien ao conxunto da cidadanía. Pularemos pola recuperación dos dereitos cívicos, a derrogación da Lei Mordaza, da LOMCE ou da Reforma Laboral. Estas non son medidas que atinxan exclusivamente á poboación galega, se non que afectan a todo o Estado».
«Apostaremos por afondar na democratización das Institucións, na igualdade –nomeadamente de xénero- e na non discriminación. Asemade, defenderemos a xustiza social e apoiaremos a apertura dun debate da propia configuración do Estado».