Foi creado pola Xunta, Deputación e Concello.

Un comité técnico analizará recuperar A Chavasqueira o antes posible

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de trasladar a súa participación e colaboración no Comité Técnico que o Concello de Ourense, a Deputación Provincia e a Xunta porán en marcha para estudar todas as posibilidades legais existentes para intentar que o Concello de Ourense recupere o antes posible o servizo das termas da Chavasqueira.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor local, Jesús Vázquez, nunha reunión de traballo, na que abordaron a necesidade de reconstruír coa máxima urxencia posible as instalacións das termas da Chavasqueira, que foron obxecto dun incendio no pasado mes de abril.

A conselleira indicoulle que a recuperación destas instalacións é un proxecto urxente e de interese público, polo que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo colaborará estreitamente co Concello de Ourense para asesoralo.

Outras actuacións
Na reunión entre a conselleira e o alcalde tamén se abordaron outras actuacións para mellorar outras zonas da cidade, como a Praza Daniel González, que implican un orzamento de 400.000 euros. Trátase dunha actuación que pretende facer esta zona máis accesible e convertela nun lugar de encontro interxeneracional. Así, mellorarase a accesibilidade coa rebaixa das beirarrúas, mobiliario adaptado. Tamén se incrementarán o número de xogos infantís, instalando xogos e elementos inclusivos, sanearase o pavimento das beirarrúas e mellorarase a zona verde, ao tempo que se optimizará e aproveitará a zona de estacionamento.

Esta nova actuación nun espazo público do Concello de Ourense é acorde a outras melloras acometidas en anos anteriores, como en Covadonga e no Barrio da Ponte, na que se devolve aos veciños espazos que non presentan unhas condicións de accesibilidade óptimas.