Entrevista a Leopoldo Rodríguez, candidato do BNG en Celanova.

“É vital a aprobación dun novo PXOM”

O principal partido da oposición, o BNG, presenta a súa candidatura na procura dun cambio político para Celanova, con propostas entre as que se inclúe o desenvolvemento dos sectores produtivos para frear a marcha da mocidade.

Como definiría a situación actual de Celanova?
Leopoldo Rodríguez: “Celanova precisa recuperar a autoestima, a ilusión e a ambición necesarias para rachar coa rutina do abandono. No BNG estamos preparados para sacar este concello do inmobilismo e do atraso en que nos meteron 29 anos de Partido Popular”.

Cal é o principal problema e que solución propón o BNG?
L.R.: “O principal problema é o descenso de poboación, sobre todo de xente nova en idade de traballar, pola falta de oportunidades laborais. É preciso pór en marcha unha xestión rigorosa e solvente, uns servizos municipais eficaces e de calidade, unha facenda municipal actualizada e transparente, plans de desenvolvemento do emprego e dos sectores produtivos realistas e urxentes. En definitiva, temos que construír, coa axuda da veciñanza, un concello que se elixa para vivir e traballar aquí”.

Cal sería a medida màis importante que querería levar a cabo?
L.R.: “É vital a aprobación dun novo PXOM. A nosa intención é aprobar, coa participación activa da veciñanza, un plan xeral que permita ordenar o desenvolvemento urbano na vila e que sirva de base para o deseño de calquera futura política sobre o territorio. Deste plan dependerá ademais a posibilidade de levar adiante accións innovadoras (humanización de rúas do casco histórico), protección do medio ambiente, mobilidade e transporte.
Por poñer un exemplo da necesidade dun novo PXOM, podemos dicir que a día de hoxe, Celanova non posúe terreo industrial. De querer instalarse empresas, as posibilidades serían mínimas, por non dicir nulas, coa conseguinte perda de oportunidade de crear postos de traballo”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
L.R.: “Ademais do novo PXOM, outras propostas son: en material de participación social, impulsaremos asembleas veciñais para tratar asuntos do concello e facilitarase a comunicación a tavés da web do concello; en canto a infraestruturas e servizos, daremos solución a demandas históricas como son a piscina cuberta, unha casa da mocidade e a recuperación de inmediato dos locais sociais.
Dotaremos, dunha vez por todas, de saneamento e abastecemento a aqueles núcleos do rural que a día de hoxe aínda carecen deles.
Así mesmo, poremos en valor todo o patrimonio histórico e natural que nos rodea, coa construción de sendas peonis, de rutas de sendeirismo e roteiros culturais; e fomentaremos a comunicación, en transporte público, entre o rural e a vila.

Como definiría a lista do BNG en Celanova?
L.R.: “Xente traballadora, honesta, ilusionada por deixarlles aos nosos/as fillos/as un lugar para vivir e do que se sintan orgullosas/os. Nunha palabra, veciños/as de Celanova que non nos resignamos a que o noso concello esmoreza”.

Que opinión lle merece a aparición de Celanova Decide?
L.R.: “En democracia, cantas máis posibilidades teña a cidadanía de escoller libremente, maior riqueza democrática haberá. Só as ditaduras contemplan a existencia dun único partido”.

Pactaría con outro partido para gobernar?
L.R.: “Nós presentámonos para gañar. Saímos a gañar por maioría para poder levar a cabo integramente o noso programa”.