Entrevista a Consuelo Vispo, candidata do PP en Barbadás.

“No noso programa levamos 10 compromisos reais”

Consuelo Vispo encara estas municipais co claro obxectivo de que o PP recupere a maioría absoluta en Barbadás.

Cómo definiría a situación actual de Barbadás?
Consuelo Vispo: “Barbadás segue sendo unha cidade dormitorio cunha poboación nova que valora positivamente os servizos e a calidade de vida. Seguimos carecendo de empresas que realicen o efecto motor sobre o resto do tecido produtivo, servizos, hostalaría e pequeno comercio. A economía local non ten un modelo de crecemento”.

Cal é principal problema?
C.V. “Determinar cales son as previsións de crecemento económico de Barbadás e como se pode planificar tendo en conta o desenvolvemento demográfico”.

Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo?
C.V. “No noso programa levamos 10 propostas, 10 compromisos reais, que son as demandas dos nosos conveciños”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
C.V. “Entre outras, crear un servizo de dinamización municipal e asesoramento laboral, a través dun ADL (Axente de Desenvolvemento Local) e un Orientador Laboral, figuras das que hoxe carece Barbadás; abrir un centro de empresas, intermediación laboral e bolsa de emprego; e un servizo de asesoramento continuado ao tecido empresarial con especial atención ao pequeno comercio”.

Como definiría a lista do PP en Barbadás?
C.V.: “Experiencia e renovación que achegan ideas e novas formas de facer política. Ademais, son coñecedores da realidade e das carencias do día a día”.

Que lle parece a irrupción de novas formacións?
C.V.: “Respecto absoluto, creo que a democracia se basa niso”.

Pactaría con algún partido para gobernar?
C.V.: “Debería agardar aos resultados do 26 de maio, pero a nosa intención é acadar a maioría absoluta”.