Entrevista a Fina Varelas, candidata de Democracia Ourensana á alcaldía de Barbadás.

“Quero apostar polos nenos e a xuventude”

Fina Varelas preséntase por Democracia Ourensana coa intención de mellorar os resultados de 2015.

Como definiría a situación actual de Barbadás?
Fina Varelas: “De descontento con moitos dos servizos. Barbadás creceu nos últimos 10 anos moitísimo, pero os servizos seguen sendo dun concello máis pequeno”.

Cal é o principal problema que ten e que solución propón?
F.V.: “Temos unha poboación de 11.000 persoas, e un orzamento de 6 millóns de euros. Deses cartos, o 80% sirve para pagar nóminas dos funcionarios e gastos correntes. Hai que conseguir máis orzamento, creando un gabinete para tramitar subvencións das distintas administacións, que ata agora non se fai, e pedilas en canto saian. Tamén pasa pola optimización do persoal do concello cunha administración máis eficaz, e o control dos gastos”.

Cal é a medida máis importante que quere levar a cabo nos próximos catro anos?
F.V.: “Quero apostar polos nenos e a xuventude. Crear unha segunda gardería, campamentos de verán con todas as prazas necesarías para que ningún neno quede fóra, xa que no verán hai moitos pais que traballan e non saben onde deixar aos seus fillos.
Que todos os nenos a partir de seis anos poidan estudar inglés con cursos gratuítos.
Para as persoas maiores, un centro de día.
Apostar polo comercio local que xa está implantado e fomentar que veñan novas empresas para crear emprego.
Medidas que farán do noso concello un dos máis importantes de Ourense”.

Como definiría a lista que DO leva en Barbadás?
F.V.: “DO Barbadás leva unha lista moi preparada, con ilusión de poder facer o mellor para os nosos veciños. Son veciños e coñecen todos os problemas de primeira man, xa que levamos xente de todos os pobos”.

Que lle parece a irrupción de novas formacións con en Barbadás?
F.V.: “Está ben, xa que a cidadanía ten máis opcións á hora de votar, e fai que os políticos non se durman nas súas funcións”.

Pactaría con outra formación política?
F.V.: “Non é algo que penso a priori, xa que imos ás eleccións a gañar”.