A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou ao candidato á alcaldía de Ourense na primeira xornada electoral.

Seara: «Ourense é un lugar estratéxico e prioritario para o BNG»

A Portavoz Nacional, Ana Pontón, e o candidato á alcaldía do BNG en Ourense, Luis Seara, estiveron nas inmediacións provisionais da praza de Abastos da cidade. “Imos a por todas, Ourense é un lugar estratéxico e prioritario para o BNG” sinalou o candidato.

“Imos volver con forza á corporación e imos a ser determinantes para formar goberno. Isto servirá para abrir un tempo novo na cidade” sinalou a Portavoz Nacional. Continuou explicando que Ourense é o “paradigma da parálise” que foi “incapaz de aprobar un só orzamentos nos catro anos de lexislatura o que denota unha falta de diálogo por parte do Partido Popular”.

“Ourense é un lugar estratéxico e prioritario para o BNG, imos a por todas, non renunciamos a nada e que queremos ser determinantes na formación do vindeiro goberno” sinalou Seara. O candidato explicou que a organización nacionalista ten proxecto de futuro para a cidade. “Estamos na Praza de Abastos porque o comercio é un sector estratéxico xa que humaniza á cidade, desenvolve economicamente e xera emprego de calidade evitando a desertización dos nosos barrios” explicou Luis Seara.

Teñen no seu programa electoral a reapertura da Praza de Abastos da Ponte, onde se investiron máis de dous millóns de euros, que leva pechada catro anos. “Este espazo debe ser un elemento de desenvolvemento socioeconómico para A Ponte e para o Concello” destacou Seara.
“Ademais, modernizaremos a Praza de Abastos nº1 achegándoa á cidadanía” continuo o candidato do BNG á alcaldía de Ourense. “Realizaremos unha pasarela peonil que una a ponte de Marañón coa Praza, cunha porta que xa está feita, conectando a parte leste” afirmou.

“Precísase poñer en valor toda esa produción que temos ao noso redor, por iso poremos en marcha unha Feira anual (“Come Ourense”) de alimentos ecolóxicos e de calidade, así como desenvolveremos un plan integral de emprego” sentezou o candidato á alcaldía Luis Seara.