Entrevista a Ramiro Rodríguez - BNG Xinzo.

“A situación é de caos, desconfianza e abandono”

Como definiría a situación actual de Xinzo?
Ramiro Rodríguez: “A situación actual é de caos no goberno, desconfianza da veciñanza e abandono da vila e especialmente do rural. Levamos anos navegando sen rumbo, sen obxectivos, sen planificación e sen unha definición clara do que queremos para o noso pobo e o noso concello”.

Cal é o principal problema que ten Xinzo?
R.R.: “O despoboamento causado pola emigración, nomeadamente a xuvenil. Tamén temos unha vila completamente deshumanizada, descoidada, cun tráfico desorganizado e un deseño urbano pensado para os vehículos e non para as persoas”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
R.R.: “Unha medida estrutural, radical e transversal: o Banco Público de Vivenda Rural e a Oficina Municipal Permanente de Vivenda. Mediante esta medida, loitaremos directamente contra o despoboamento, contra a pobreza que cada vez nos alarma máis e contra o abandono do rural. Ofreceremos vivenda protexida e accesíbel, especialmente para a mocidade”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
R.R.: “Aproveitaremos o feito de ser unha das maiores potencias agrogandeiras do Estado. Transformando e comercializando o produto aquí. Facilitaremos o acceso ao solo industrial e a implantación de empresas transformadoras, sobre todo da pataca e do cereal, mais tamén no cárnico”.

Como definiría a lista do BNG?
R.R.: “Somos un grupo de veciños comprometidos co noso pobo e respaldados por unha organización que ten un proxecto global que xa se ten demostrado que funciona noutros concellos do país”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccións?
R.R.: “Todo o que sexa a implicación e participación na vida política parécenos positivo, sempre que se faga dende a responsabilidade”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
R.R.: “Se os cidadáns nos dan a súa confianza propiciaremos un cambio para rematar ca desastrosa xestión do PP”.