Entrevista a Ricardo Perea - Partido Popular O Carballiño.

“Iniciaremos os trámites para un centro de saúde”

Tras 15 anos afiliado ao PP por primeira vez participa nunha lista electoral.

Como definiría a situación do Carballiño?
Ricardo Perea: “Penalizado por un desgoberno socialista sumido na improvisación e falla de xestión”.

Cal é o principal problema?
R.P.: “A falta de iniciativas estables para a xuventude, ao non contar con espazos mínimos axeitados. Os principais servizos obrigatorios e máis demandados non están ben xestionados nin atendidos. Limpeza, seguridade, mantemento das infraestruturas, e convivencia entre persoas e mascotas, entre outros, son infinitamente mellorables”.

Cal sería a principal medida a levar a cabo?
R.P.: “Un complexo deportivo e de ocio na zona da Uceira; iniciar os trámites para un centro de saúde na estación de autobuses, unha vez conseguida a estación do tren intermodal; reposición de case 100 km de viais e o seu mantemento por varios anos; nova e céntrica biblioteca e transformar en casa da xuventude a actual”.

Que propón no eido económico?
R.P.: “A ampliación do parque empresarial, fomentar o auto-emprego, subvencionar fortemente a actividade no rural, apoiar o comercio local, relanzar a praza de Abastos adxudicando os postos baleiros, potenciar o turismo gastronómico e o turismo termal, e a celebración de eventos e congresos”.

Como definiría a lista que vostede lidera?
R.P.: “Mestura de renovación e experiencia, para un goberno solvente”.

Que opina da aparición de novos partidos?
R.P.: “Que a xente teña moitas opcións para votar sempre é boa noticia”.

Pactaría para gobernar?
R.P.: “Temos dado mostras suficientes da nosa capacidade para chegar a acordos”.