Entrevista a María Jesús Fernández candidata de VOX.

“Ourense está totalmente paralizada pola incompetencia do pleno”

María Jesús Fernández leva en VOX desde outubro do pasado ano e busca un oco na enigmática futura corporación municipal.

Como definiría a situación actual de Ourense?
María Jesús Fernández: “Coma unha cidade gris. Totalmente paralizada pola inactividade e incompetencia da totalidade do pleno, a falta de acordos e consensos trasládanos a un escenario moi desalentador para o resto dos cidadáns”.

Cal é o principal problema que ten Ourense?
M.F.: “Sen ningunha dúbida a incapacidade demostrada para a aprobación dos orzamentos. A distancia co cidadán, o político debe de estar na rúa e atender os problemas diarios desta cidade”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
M.F.: “A nosa medida estrela é a nosa maneira de facer goberno, estar constantemente relacionados co cidadán, levar os despachos á rúa para que sexan eles os que dalgunha maneira creen a cidade na que desexamos vivir, baixar os orzamentos até o mínimo legal, apoio máximo ao comerciante para que non siga desangrándose como o leva facendo nos últimos anos. En definitiva, a medida estrela de VOX é o sentido común”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
M.F.: “Pensamos que os cartos onde mellor están é no peto do cidadán. Baixar o Imposto de Bens Inmobles ao mínimo legal do 0,4% en terreo urbano e 0,3% en Rural. Familias numerosas estarían exentas do mesmo. Axudas á creación de novas empresas. Trámite único e acurtar prazos para fomentar os viveiros empresariais. Eliminar todos aqueles gastos innecesarios, que sabemos hainos e moitos. Aplicación do diñeiro de servizos sociais dunha maneira directa”.

Como definiría a lista de VOX que vostede lidera?
M.F.: “O equipo de VOX Orense está preparado para defender todas as necesidades dos ourensáns”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccions no Concello?
M.F.: “Paréceme ben, sempre que as intencións sexan a defensa férrea do cidadán e non só os intereses partidistas”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar tralo 26M?
M.F.: “A min non me gusta falar de pactos, pero si apoiaría toda aquela proposta que fose en beneficio do cidadán e da nosa cidade”.