Realizarán unha oposición “leal e construtiva”.

O BNG apoiará a Celanova Decide con condicións

Unha representación do BNG de Celanova, con Leopoldo Rodríguez e Xulia Paz ao fronte, entrevistouse esta fin de semana con membros de Celanova Decide e o seu candidato á alcaldía, Antonio Puga, de quen obtiveron o compromiso de que, durante o próximo mandato, se dotará á vila dunha piscina cuberta e dunha casa da mocidade -dúas reivindicacións históricas das nacionalistas- e ademais se traballará na recuperación dos locais sociais no rural e se completará o saneamento e o abastecemento en todos os núcleos rurais.

O BNG non fará parte do futuro goberno municipal, mais apoiará a investidura de Antonio Puga o próximo sábado despois de que o candidato de CD asumise unha serie de demandas das nacionalistas. Ademais das anteriores, nestas demandas se inclúen a apertura de novas canles de participación veciñal (como a creación do escano cidadán e de asembleas veciñais nas parroquias, ou o cambio dos horarios dos plenos e a mellora da información a través da web municipal), así como unha aplicación firme e efectiva da Lei de Memoria Histórica que atenda a eliminación da simboloxía franquista, empezando polo Monte da Cruz.

Oposición
“O BNG, pola súa parte, comprométese co cambio en Celanova, co cambio que demandou a veciñanza o 26M”, explicou despois da xuntanza Leopoldo Rodríguez, que será o concelleiro nacionalista na próxima corporación municipal. “A veciñanza colocounos na oposición e desde aí traballaremos, e farémolo como sempre o fixemos: cunha oposición leal e construtiva, fiscalizando o cumprimento dos compromisos e achegando solucións. En Celanova ábrese un novo ciclo, e o BNG fará o posíbel porque o cambio sexa para mellor e se consolide”, engadiu.