A música e o teatro serán os protagonistas.

Verán cultural en Nogueira de Ramuín

O municipio de Nogueira de Ramuín prepárase para acoller un variado programa cultural para este verán que se verá reforzado coa incorporación do concello á Rede de Auditorios da Provincia (reaOU), da que xa forman parte 33 municipios da provincia.

As actividades que correrán a cargo da propia Rede de Auditorios da Provincia comezarán o 4 de agosto, cun concerto a cargo de Lucía Pérez. O día 11 de agosto, chegarán as artes escénicas a Nogueira coa obra Loló e mamá; e do teatro pasarán a un monólogo, o día 13 de agosto, a cargo de Carlos Blanco. Por último, o día 25 de agosto, volve a música con María do Ceo. Tódalas actuacións terán lugar no Claustro dos Bispos do Mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil, ás 21 horas.

A estas actuacións hai que sumar dous concertos, nos que tamén colabora a Deputación de Ourense, que correrán a cargo de Carlos Núñez, o día 25 de xullo, ás 20 horas; e de Luar na Lubre, o día 8 de agosto, ás 21 horas.

Ademais destas actividades culturais tamén haberá outras iniciativas que organiza o Concello de Nogueira de Ramuín para esta época estival. Como a festa xove, que terá lugar o venres, 2 de agosto, a partir das 20 horas na praza de Luintra; a festa branca que será o 9 de agosto, tamén a partir das 20 horas e na praza do concello. o día 17 de agosto, a partir das 11 horas, haberá a V Volada BTT, de carácter non competitivo, e o sábado, 24 de agosto, ás 17 horas, celebrarase a Festa fin de verán nas piscinas municipais.