Entrevista a Miguel Caride, edil, deputado provincial e voceiro de Democracia Ourensana.

“A hemeroteca daranos algunha dor de cabeza porque a oposición lembraranos o que dixemos do PP, pero a nosa obriga agora é construir Ourense”

Miguel Caride achéganos aos grandes proxectos que ten DO para a cidade (no eido urbanístico, económico e social) e insiste nos beneficios do seu pacto co Partido Popular.

Logo de dous meses vivindo dende dentro a responsabilidade do Goberno municipal de Ourense falamos con Miguel Caride, voceiro de Democracia Ourensana; edil de Infraestrutuas, Obras, Augas, Movilidade e Transporte; secretario da Xunta de Goberno Local; e deputado provincial.
A incomprensión dos seus votantes ante o pacto co PP, a situación interna cos funcionarios do Concello, a aprobación do novo PXOM e dos orzamentos de 2020; Caride respondeu a todo.

Como foron as primeiras semanas formando parte do novo goberno municipal da cidade?
Miguel Caride: “Duras, por non ter apoio da xente que te podía informar de como están as cousas, despois si, contei con algún compañeiro de coalición, como Jorge Pumar, co que teño un trato especialmente agradable e de confianza.
Pero ao principio non sabes como funciona unha administración, porque non ten nada que ver co ámbito privado. Ademais, había carencias, tanto de persoal como organizativo, e sobre todo a burocracia. Porque chegas cunhas ideas pero para levalas a cabo precísase un tempo, ata para arranxar unha baldosa tes que facer un pequeno expediente”.

Que viron dentro do Concello que os sorprendera máis?
M.C.: “O que máis é que puidera funcionar. Eu creo que funciona porque, se ben hai baixas e desorganización, hai funcionarios chave en certos departamentos, como atopei na miña Concellería, que son os que conseguiron que se mantivera o funcionamento da administración”.

Na súa Concellería, cales son os principais obxectivos que ten?
M.C.: “Estou traballando en catro direccións. A primeira, nas obras, para as que estou agardando a ter capacidade de gasto, a que me autoricen para executar os 27 expedientes de obras que temos neste momento completos. Todas elas son importantes, pero algunas son máis vistosas, por exemplo as de asfaltado e outras melloras nas rúas Pardo de Cela, Bedoya, no entorno do parque San Lázaro. Ademais, hai obras importantes para os barrios, que foron pactadas coas asociacións veciñais. Nese senso, solicitamos a cofinanciación da Deputación para dispor de tempo para a súa execución, porque pola normativa se só dependen do Concello temos que executalas antes do 31 de decembro; e mediante a cofinanciación, sempre que se adxudique a obra antes de final de ano, pode executarse no transcurso do seguinte.
E tamén empezar a traballar nas novas obras para o novo Ourense, que non están planificadas e que son importantes para o desenrolo da cidade, como plataformas únicas, algún subterráneo…
En segundo lugar, estou co tema da auga, revisando a ordenanza e o regulamento do que poderiamos chamar o ciclo vital da auga, dende o abastecemento á depuración, e sobre todo establecer as bases para que decidadamos se mantemos unha adxudicación a unha empresa concesionaria (un sistema de xestión indirecta) ou outras fórmulas que poidan ser máis idóneas, como poden ser unha empresa mixta ou municipalizar o servizo. En setembro decidiremos.
Temos que facer unha inversión grande na rede de saneamento, que, segundo os datos dos técnicos municipais, pode andar sobre os 70 millóns de euros, e pode que isto sexa determinante para que manteñamos a privatización do servizo, de maneira que o adxudicatario ten que facer esas inversións durante a concesión.
O terceiro punto é o transporte. Teño xa o borrador do Regulamento do Transporte Urbano de Ourense, espero poder levalo rapidamente a Xunta de Goberno e a pleno; e estou revisando o prego para adxudicar canto antes o tema dos buses urbanos. Estou contactando cos municipios colindantes para intentar establecer o que se chama extensión de liñas, que permite que os urbanos cheguen aos municipios colindantes sempre que non perxudique o transporte metropolitano da Xunta.
E o cuarto aspecto é o da movilidade. Encarguei a actualización do Plan de Movilidade Urbana Sostible do 2012 ao mesmo estudo de arquitectura que redactou o Plan Móvete por Ourense, para intentar integrar os dous textos, e a miña idea é crear en se-tembro unha oficina de movilidade. Creo que é básico neste mandato establecer as novas pautas de movilidade en Ourense, tanto na circulación dos coches como na peonalización de rúas.
E, transversal a todo, é a relación coa Xunta, que estou atopando unha boa disposición, no senso de lograr a reparación das rúas que son titularidade da Xunta e a cesión das mesmas ao Concello unha vez reparadas. Ademais, algunhas das grandes obras que pretendemos realizar precisamos unha cofinanciación ou financiación maioritaria do Goberno autonómico, como, por exemplo, para facer un paso subterráneo no entorno do pavillón dos Remedios, debaixo da rúa Pardo de Cela ata a praza de Concepción Arenal”.

DO quere unha transformación profunda da cidade?
M.C.: “Si, a transformación da cidade ten que ir en tres eixos. O urbanístico, polo que temos que abordar o tema do PXOM, coas dificultades que iso ten e as críticas que no seu día fixo DO. Temos que sentarnos a revisalo. O PXOM é fundamental para o desenrolo de moitos aspectos urbanos da cidade, dende o termalismo, ronda buelevar…
O segundo eixo é unha transformación económica. As cifras deste verán indican máis visitantes de fóra, polo que se Ourense empeza a ser foco de atención da xente cunha infraestruturas atrasada, creo que se conseguimos unhas que poidan atraer o turismo vai funcionar, como o parque acuático; tamén o urbanismo é imprescindible para o desenrolo hoteleiro nas áreas de reparto que están previstas no novo PXOM na zona da Chavasqueira; o Centro de Intelixencia Arficial, co fin de atraer xente nova para traballar en Ourense; unha nova regulación do comercio, etc.
E o terceiro é o eixo sociocultural, porque Ourense ten que ser unha cidade ideal para vivir, cómoda urbanisticamente, e contar con capacidade de traballo para que a xente sexa feliz e que viva ben en Ourense, o que inclúe unha boa programación cultural”.

Haberá pronto novo PXOM?
M.C.: “Eu son favorable á información pública do contido do PXOM fóra do aspecto reglado que fixa a lei porque a xente ten que coñecelo, pero iso implica retrotraer todo ao momento inicial, implica que se poden facer alegacións e hai que resolvelas, pedir os informes sectoriais ás distintas administracións e algunhas retrásanse de 18 a 24 meses en informar. Ademais, poderían surxir problemas na tramitación que obrigaría a que o PXOM se retrasase máis aló deste mandato. E necesitámolo para facer cousas, non podemos estar esperando 6 ou 7 anos cando estamos cunha ordenación de 1986.
É certo que á hora de gobernar en coalición todos temos que ceder, e primar o interese xeral por enriba do interese particular. Entendo que hai aspectos do PXOM que poden ser favorables a determinados intereses económicos e que non é xusto, pero quedándonos niso estamos impedindo o desenrolo da cidade.
A nosa intención é facelo canto antes. Queremos que a aprobación provisional se faga en pleno, aí sí que se poden incluir modificacións e logo a aprobación definitiva cando lle dean o visto bo en Santiago. Cun pouco de sorte creo que nun ano o poderiamos ter”.

Como pode convencer á oposición de aprobar canto antes o PXOM?
M.C.: “O PXOM sempre foi máis unha arma política que un instrumento urbanístico. Non lle convén á oposición que o goberno aprobe un plan tan importante porque é un éxito e porque o que está no goberno fará un contido máis favorable aos intereses do seu entorno, e sempre se loita contra elo.
Somos conscientes de que fagamos o que fagamos sempre nolo van criticar, como fixemos nós anteriormente, porque é un instrumento que todos os partidos queren controlar e a todos nos interesa apuntarnos o tanto de sacalo adiante. O que teremos que facer é chegar a un acordo cos nosos socios de goberno, pulir o que haxa que pulir, e como temos maioría sacalo adiante”.

A burocracia é o que ralentiza as cousas?
M.C.: “Absolutamente, é un mal endémico da administración española. Ademais, pasou por uns anos nos que a corrupción asentouse na administración pública e como reacción tentou controlar a xestión orzamentaria, a contratación e a xestión do gasto. Ese excesivo control, produto da desconfianza cara o político de turno, ralentiza e burocratiza moito máis as cousas.
Nós, ademais, temos un problema adicional en Ourense, que levamos dende 2014 sen orzamentos. Entón, cun orzamento prorrogado de fai 5 anos, a metade de mandato as partidas xa están esgotadas porque non están actualizadas, o que te leva á modificación de crédito, logo tes que esperar a que se liquide o exercicio anterior para volcar o remanente.”.

Non se ven as cousas igual cando un está na oposición que cando forma parte do goberno?
M.C.: “É certo, non é o mesmo facer oposición que facer goberno. Primeiro porque a información que manexas é distinta, porque por moito que lle pidas ao goberno información non a tes toda e cando chegas e intentas facer algo é cando che explican de verdade como están as cousas. Por iso, os partidos que estiveron no goberno, cando pasan á oposición deberían cambiar de actitude, os que somos novatos estamos aprendendo pero cando sexamos de novo oposición actuaremos doutra forma. O que me sorprende é PSOE e BNG que estiveron no goberno estean criticando cousas que saben que non deben criticar”.

Vostede dixo que o pacto co PP lles pon o listón moi alto pola desconfianza que causa nos seus propios votantes.
M.C.: “O pacto co PP é un plus de esixencia para DO. Sei que moitos votantes non o entenderon. Nós estamos no ámbito do municipalismo, que consiste na xestión de proxectos e ideas, polo que os principios políticos son maleables neste ámbito, o que hai que conseguir é o de-senrolo da cidade. Se non o conseguimos darémoslle a razón os que pensan que o pacto non é bo”.

Como convencerán ao PP de que os proxectos de DO que eles sempre tumbaron agora deben apoialos?
M.C.: “O curioso é que non os convencemos. Os proxectos cando viñan da oposición rexeitábanse por sistema. Se ti fas algo que a idea parte dun rival político non parece vendible como éxito persoal. Agora que estamos no mesmo barco os proxectos vense doutra maneira. E o que antes se viu incluso con hilaridade, como o parque acuático, as escaleiras e rampas mecánicas, o Centro de Intelixencia Artificial, agora aprovéitanse as ideas e vense boas. É máis un tema de estratexias políticas que de convición”.

Tendo en conta que DO sempre foi dos partidos máis duros co PP, continuarán as críticas aínda que sexan socios?
M.C.: “Esa crítica naquel momento era importante para demostrarlle á xente que non o estaban facendo ben, agora a nosa función xa non é a crítica, é lograr que a nosa cidade mellore. E sobre todo como gobernamos en coalición debemos ter unha sintonía plena, temos que ser un só goberno remando na mesma dirección, cunhas competencias repartidas pero compartidas. As críticas non as imos borrar, e a hemeroteca igual nos dará algunha dor de cabeza, porque a oposición vai lembrarnos o que dixemos, pero a nosa obriga agora é construir Ourense”.

Por útlimo, como vai o tema dos orzamentos?
M.C.: “Todas as concellerías están facendo os seus números do que precisan, do seu plan para o 2020, agardo que antes de que remate o ano estean aprobados. Temos maioría e non haberá problema. Os orzamentos adicaranse ao gasto corrente como é o habitual, e o marxe de maniobra que queda entre o gasto corrente e os ingresos que se obteñen, que é a capacidade inversora adoita ser sobre o 10% en todas as cidades, polo que son cantidades moi necesarias insuficientes, polo que o gordo conseguirémolo co remanente de caixa co que conta o Concello, así poderemos facer grandes cousas pola cidade. Creo que no aspecto económico é onde se verán os beneficios do pacto DO-PP”.