Na Copa Galicia.

O Sala Ourense vence ao Carballiño e pasa de rolda

O Sala Ourense vén de xogar dous partidos nos últimos días de cara a chegar nas mellores prestacións ao incio ligueiro de Segunda B; a mesma dará comezo a mediados de setembro (na fin de semana do 14 e 15). A pasada fin de semana xogaba nos Remedios o Trofeo Nissan Roferourense ante o Vigo Fútbol Sala. Os de Kike García non tiveron opción de facerse co trofeo e caeron derrotados por un contundente 0-4.

Días máis tarde, o conxunto capitalino trasladabase ata terras do Arenteiro para enfrontarse ao GRI Carballiño na primeira eliminatoria da Copa Galicia. A pesar de que se adiantaron os locais, o Sala Ourense non tivo rival e finalmente venceu por un claro 4 a 7. Tralo gol inicial os ourensáns danlle a volta ao marcador con dous goles antes do descanso (1-2). No segundo tempo tres goles máis en 10 minutos deixaban unha vantaxe casi definitoria para os visitantes (1-5). Antes do final, cinco goles máis no Paco Chao deixaban o definitivo 4-7. Ao Sala Ourense agardao agora o Pizarras Los Tres Cuñados na seguinte rolda.

Torneo Castanha
Os ourensáns teñen esta fin de semana unha nova cita. Nesta ocasión trasládase ata Carrazedo Montenegro (Portugal) para disputar o “III Torneio da Castanha”. Será un triangular que se disputará o sábado 31 de agosto.
O primeiro encontro o enfrontará ao Abeira Douro (17.30 h) e no segundo terá como rival ao anfitrión, Carrazedo Montenegro (19.30 h). Ámbalas dúas horas son en horario portugués.

Cidade – Envialia
Este sábado, a partir das 18 horas na cancha central dos Remedios, Cidade das Burgas e Ourense Envialia enfróntanse no rolda da Copa Galicia que da acceso á semifinal do torneo. A eliminatoria é a partido único.