Regresa o Festival RIR de Allariz

Allariz volve a ter como protagonista o humor da man do Festival RIR. A segunda edición que se celebra este ano terá lugar do 4 ao 8 de setembro. Un festival internacional de curtas de comedia chegadas de diferentes países.
O evento está organizado por Zinemusik e EScenaSonora coa colaboración do Concello de Allariz. Paralelamente, realizaranse outras actividades que incluirán espectáculos infantís, teatro de rúa, música e obradoiros, incluída a sesión vermú do sábado e domingo (12.30 horas).

Máis programación
No eido cinematográfico, ademais do ciclo de curtas de animación, ficción e documental en competición haberá un ciclo dedicado a Buster Keaton como protagonista (o ano anterior honrárase a memoria doutro grande dos cómicos cinematográficos: Charles Chaplin). Proxectaranse sesións de curtas protagonizadas por Keaton e o domingo ás 20.30 horas poderase ver “O moderno Sherlock Holmes”, que estará musicada en directo por Olga Brañas.
Tamén se ofrece a estrea mundial da web serie Válgame Deus de Rubén Rodríguez (venres 6, as 17.30 horas). No apartado do Festival Amigo, este ano o convidado será ao FIC Via XIV de Verín, sendo o xoves 5 (18 horas) o día no que se verán as obras premiadas do festival de Verín.

Premios
O sábado 7, a partir das 22.30 horas terá lugar a gala de entrega de premios. Estará presentada por Caldas e Mancho e farase entrega do Premio “RIR contigo” a Carlos Blanco. O actor galego terá a súa propia sesión de curtametraxes nos que traballou o domingo día 8 de setembro.