Será no Auditorio ás 19.30 horas. O prezo é de 15 euros.

O día de Aninovo o Ballet Nacional Ruso representa «O Crebanoces»

Os ourensáns teñen a oportunidade de ver no Auditorio de Ourense representar ao Ballet Nacional Ruso a obra «O Crebanoces». Esta cita será o día de Aninovo, 1 de xaneiro, ás 19.30 horas. Ademais, as entradas están a un prezo totalmente popular, xa que se poden adquirir na web de ataquilla (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/gl/danza/auditorio-municipal-de-ourense/13144–ballet-nacional-ruso-el-cascanueces.html) a un prezo de 15 euros máis 0,80€ de comisión.

Unha oportunidade única de ver na casa a unha compañía de referencia mundial dirixida por Serguey Radchenko que presenta o título por excelencia de P.I. Tchaikovsky para gozalo durante o Nadal, “O Crebanoces”, cun corpo de baile de 45 bailaríns e virtuosos solistas.

O Ballet Nacional Ruso fúndase en 1989, cando o lendario solista do Teatro Bolshoi de Moscova, S. Radchenko tenta realizar a súa visión dunha compañía, que reunise aos elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi, nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso. Os principais bailaríns de toda Rusia forxan baixo dirección de S. Radchenko unha emocionante compañía, poñendo en escena novas producións de clásicos atemporales como Giselle, Don Quixote, Paquita e Carmen.

O Ballet Nacional Ruso percorre de costa a costa os EE.UU. todas as tempadas nunha longa xira mostrando o seu amplo repertorio nas máis importantes salas e teatros do país americano. Desde os seus inicios tamén, o Ballet Nacional Ruso completou numerosas xiras por Europa, con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña e os Países Baixos, ademais de Reino Unido, incluíndo numerosas representacións no famoso Coliseo de Londres.

A compañía realiza, ademais, xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con gran éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Grecia (Festival de Atenas), Xapón, Corea, Singapur e Hong Kong. Baixo a dirección de S. Radchenko, o Ballet Nacional Ruso continúa ampliando o seu repertorio.

S. Radchenko, fundador en 1989, e director desde entón, do Ballet Nacional Ruso, naceu en 1944, graduouse na Escola de Danza de Moscova en 1964 e uniuse ao Ballet do Teatro Bolshoi, onde traballou durante 25 anos. Neste tempo bailou todo o repertorio da compañía, destacando polo seu carácter, o seu gran encanto, o temperamento e un gusto exquisito, cunha afinidade especial pola danza española. S. Radchenko foi parella de baile da mítica e inigualable Maya Plisétskaya e con ela bailou todos os grandes ballets clásicos. S. Radchenko é desde 1976, Artista Honorario do Pobo da URSS.

SOURCE: Ballet Nacional Ruso