A Festa do Pulpo estrea internacionalización cun amplo programa de actividades.

Máis de media tonelada para a tapa máis grande do mundo

Dúas semanas de festexos, un longo ciclo para unha celebración que vén de conseguir a declaración de interese turístico internacional e que recuperará a súa esencia despois de varias edicións marcadas pola pandemia. Os detalles do programa presentáronse no salón de plenos da Casa consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o edil de Turismo, Manuel Dacal. Ambos fixeron fincapé na variedade das actividades que arrancan hoxe co inicio da Semana Grande para Pequenos e que inclúen actos tan emotivos como a homenaxe aos pulpeiros e pulpeiras da vila e a Felipe Senén pola súa contribución a manter viva a tradición de todo un pobo. Dacal destacou o esforzo de todos eles “por facer posible a internacionalización da festa”. Tamén asegurou que o Concello, coa programación de todos os actos “estará á altura para agradar a veciños e visitantes”.

Tamén nesta edición, que será a número 60, intentarase bater un novo récord coa preparación da tapa mais grande do mundo: serán 515 quilos de pulpo, 15 máis que o ano pasado, os que se cocerán e na súa preparación participarán unha trintena de profesionais. A pastelería Royal colaborará cos doces do postre e a vila recibirá a miles de persoas atraídos por uns festexos que alongan a súa duración o ofrecerán un programa elaborado cun mimo especial coincidindo coa declaración de interese turístico internacional. Así o subliñou Diego Fernández: “Son actividades de gran calidade e pensadas para todos os públicos”.

Programa do 8 ao 14 de agosto
8 de agosto
Música de Rúa. El hechizo de Nora. Praza Maior. 20.30 horas
9 de agosto
A Tapa de Pulpo máis grande do mundo. Praza Maior. 19 horas
Música de Rúa. Soul&Roll. Praza Maior. 21 horas.
10 de agosto
Festival de Folclore Internacional. Praza Maior. 22.30 horas
11 de agosto
Concerto de Roi Casal. Praza Maior. 23.00 horas
12 de agosto
Orquesta Combo Dominicano. Praza da Veracruz. 23.30 horas.
13 de agosto
Festa das Camisetas. Actuación de El Pirata, locutor de Rock FM. Praza Maior. 19.00 horas. O prazo para inscribirse no concurso está aberto.
14 de agosto
Festa do Pulpo. Xantar e música. Parque municipal.

Entradas á venda
As entradas  para acceder ao recinto oficial, e que inclúen o prezo do menú, están á venda nas propias dependencias municipais. Os interesados poderán adquirilas ao prezo de 30 euros, inferior ao custe real do menú que se ofrecerá, dado que debido a inflación e ao incremento do pulpo, ten un prezo real de 47 euros. A diferenza será asumida polo Concello de Carballiño, por ser 30 euros o prezo establecido pola ordenanza que o regula, o que tamén xustifica en parte a redución do número de comensais no recinto.

SOURCE: Festa do Pulpo 2022