O Concello presentou as actividades.
O Concello de Bande presenta o programa do Entroido que se celebrará entre os días 7 e 18 de febreiro, cunha programación ampla e diversa que pon en valor a tradición dos Troteiros e demais máscaras representativas do municipio.
As actividades darán comezo o sábado 7 de febreiro coa tradicional Ruta dos Troteiros polas aldeas, acompañados musicalmente por Feitizo de Pau, con saída dende a casa do concello, mantendo unha
das citas máis simbólicas do Entroido banduense.
O día central do Entroido será o domingo 15 de febreiro, cunha intensa xornada festiva que incluirá a ruta dos Troteiros polas rúas de Bande coa Charanga de Bande, o tradicional Cocido Troteiro, o desfile de comparsas e carrozas e diversas actuacións musicais, entre elas a Batucada Vilatuke e o dúo Mecánica, ademais da Dulzada Troteira.
Un protagonismo especial terá tamén o Luns Feo, 16 de febreiro, coa saída dos Farrapeiros da aldea de Mexide a Santa Comba.
O programa complétase con novas rutas dos Troteiros, a Fabada Troteira, obradoiros de capuchóns e o simbólico Enterro da Sardiña, que pechará o Entroido o mércores 18 de febreiro.
O Concello de Bande fomenta a participación veciñal mediante premios para carrozas e comparsas, co prazo de inscrición aberto ata o 11 de febreiro, e agradece a colaboración de todas as persoas e colectivos que fan posible manter viva esta tradición.





