10 anos de GFFF: unha década de cinema e cultura friki

Celébrase en Vigo do 17 ao 26 de setembro.

O Galician Freaky Film Festival celebrará a súa décima edición do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo, cunha programación que combina cinema de culto, actividades familiares e propostas para a comunidade freak. O festival ten ademais á venda os seus Abonos VIF, por 70 euros, que permiten acceder ás 22 sesións de cinema previstas e inclúen diversas vantaxes exclusivas.
A selección GFFF Tribute renderá homenaxe a tres clásicos dos anos oitenta: The Fly, de David Cronenberg; The Toxic Avenger, de Lloyd Kaufman e Michael Herz; e Big Trouble in Little China, de John Carpenter. As dúas primeiras protagonizarán a sesión inaugural (xoves 17 a partir das 19.00h), mentres que o filme de Carpenter será o encargado de clausurar o festival (sábado 26, ás 22.00h).

Entre as actividades paralelas destaca a segunda Zombie Walk, que se celebrará o 12 de setembro pola rúa do Príncipe e que aspira a superar os máis de 400 participantes da pasada edición. Durante o festival regresará tamén Pequefreak, a proposta familiar con curtametraxes, longametraxes e obradoiros.
A programación completarase coa Feira Freak, un concurso de banda deseñada, unha exposición e poxa benéfica de obras inspiradas en The Fly, presentacións de libros e proxectos en desenvolvemento e novos encontros profesionais.

Lloyd Kaufman
Sen dúbida algunha, unha das noticias que máis sorprendeu aos fans deste evento é a presenza de Lloyd Kaufman, cofundador de Troma Entertainment e creador de The Toxic Avenger. Kaufman será o convidado de honra do GFFF. Kaufman é unha das grandes figuras do cinema independente estadounidense, cunha traxectoria de máis de cinco décadas marcada polo humor irreverente, o gore e o espírito da serie B.
Durante a súa visita, o cineasta participará o 17 de setembro na gala de inauguración; o día 18 ofrecerá un Encontro Freak co público e presentará unha proxección de Troma ( 22:30 h); e o sábado 19 participará nunha sesión de sinaturas e fotografías co público (17:00h).

Oficial
A Selección Oficial contará con 63 curtametraxes fantásticas procedentes de todo o mundo, con estreas mundiais, internacionais, españolas e galegas. As películas, repartidas en oito bloques temáticos, percorren desde o terror e a ciencia ficción ata o humor absurdo e as propostas máis inclasificables.
O xurado da Selección Oficial do GFFF estará formado por tres profesionais vinculados ao cinema fantástico e á programación cinematográfica: Chris Orgelt, director de programación do BIFFF de Bruxelas; Mentxu Sesar, realizadora, produtora e programadora vasca; e Xiana Vázquez, investigadora galega especializada en narrativas góticas, terror e ciencia ficción. Serán os encargados de decidir os principais premios do festival: Neuronas Fritidas, Ben Dito, Ben Feito e o Gran Premio GFFF, mentres que o público escollerá o seu propio premio mediante votación por código QR. Ademais, a incorporación do GFFF á Federación Internacional de Festivais Méliès permitirá outorgar por primeira vez o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea.

Panorama
O GFFF crea nesta edición a selección Panorama, unha sección dedicada ás longametraxes fantásticas internacionais con escaso percorrido comercial, pero avaladas polo seu paso por grandes festivais.
Serán seis títulos con escaso percorrido comercial. Entre elas están: The Furious, de Kenji Tanigaki, premiada en Sitges; Gaua, de Paul Urkijo Alijo, un filme de terror ambientado na Euskadi do século XVII e seleccionado para os Goya 2026; e Decorado, do galego Alberto Vázquez, gañadora do Goya á Mellor Película de Animación e do Premio Paul Grimault en Annecy.

Pequefreak
E este ano chega a sexta edición do Pequefreak, iniciativa que cada ano ten máis adeptos e que conta cunha programación pensada para achegar o cinema fantástico e freak á cativada. Terá lugar na primeira fin de semana do festival (19 e 20 de setembro).
O programa reunirá 24 curtametraxes procedentes de 21 países, divididas nas categorías Todos os Pequefreaks e Pequefreaks +7. Haberá tamén dous obradoiros de efectos especiais, impartidos por Ricardo Spencer, nos que os maiores de sete anos poderán aprender técnicas con látex e sangue. O Pequefreak contará ademais cos premios Olimpo dos Pequefreaks e Gran Premio Pequefreak.
O colofón chegará coa proxección do clásico Dentro del laberinto, de Jim Henson, que celebra este ano o seu 40 aniversario, nunha oportunidade para recuperar o clásico protagonizado por David Bowie e Jennifer Connelly. A película verase o domingo 20, ás 17.30 horas.

Exposición
Unha das novidades deste ano e a exposición de carteis orixinais de cine fantástico da colección Jean-Loup Passek, que poderá visitarse do 3 de setembro ao 3 de outubro na Sede Afundación. A mostra reúne pezas de clásicos como Nosferatu, Psycho, Rosemary’s Baby ou The Exorcist.