Celebrarase o vindeiro 4 de abril, a partir das 18.00 horas.
A Deputación de Ourense presentou o 9º Festival Medieval de Viana do Bolo, unha iniciativa cultural que ten como obxectivo recuperar e poñer en valor o patrimonio do romanceiro medieval transmitido por tradición oral no noroeste peninsular.
O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; a xefa territorial de Cultura da Xunta en Ourense, Sandra Quintas; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Avila Arias; e a presidenta da Coral Candea de Viana, presentaron os detalles desta nova edición, que se celebrará o vindeiro 4 de abril, a partir das 18.00 horas, na praza situada ao carón da Torre Medieval de Viana do Bolo.
O vicepresidente segundo da Deputación destacou a posta en valor, a difusión e o mantemento do “noso patrimonio cultural inmaterial” que nesta ocasión se materializa desa “recuperación da memoria escrita que se fixo a través dos romances, transmitidos de xeito oral de xeración en xeración ata os nosos días”.
Ademais, César Fernández destacou que a Deputación é “unha firme defensora” deste tipo de eventos porque “a cultura é identidade e os territorios con identidade son territorios con alma”, e desde as institucións “debemos contribuír a poñer en valor esa identidade propia”.
Organizado pola Deputación de Ourense en colaboración co Concello de Viana do Bolo e a Xunta de Galicia, o festival consolídase como unha cita cultural de referencia que, ademais de reivindicar o legado medieval, rende nesta edición unha homenaxe especial ao profesor Juan Antonio Pinza pola súa contribución á investigación e difusión do romanceiro tradicional.
O festival recreará o esplendor histórico da vila, evocando o seu pasado como residencia de condes e reis, a través dunha programación que combina música, tradición e escenificación histórica.
Entre os momentos máis destacados figura a Chegada da Raíña Vrraca, que cabalgará ata a Torre Medieval acompañada polo son de trompetistas, sendo recibida pola veciñanza e as autoridades locais.
A programación musical contará coa participación de destacados intérpretes e divulgadores do romanceiro medieval, como Miro Casabella, así como cantoras tradicionais como Fiuca de Trives, Digna de Vilanova e Blandina de Cotarós.
O festival tamén reforzará os vínculos culturais con outros territorios, coa participación de Marta Prieto e Amelia García, representantes das tradicións de Sanabria e Trás-os-Montes, e do musicólogo asturiano Daniel García de la Cuesta.
A escenificación central correrá a cargo de Carmen Penim e membros da Real Banda, que interpretarán o romance de Doña Vrraca e pezas da égloga Pastora da Serra Sola.
Peche de gala
O evento será conducido por Montse Estévez e contará coa participación dos tradicionais Boteiros e Fulións de Viana, que achegarán a forza rítmica característica desta tradición ancestral.
O broche final chegará coa actuación conxunta da Coral Candea e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, nunha clausura que combinará música, tradición e identidade cultural.
Ademais, para facilitar o acceso ao público, o festival poderá seguirse tamén en directo a través das canles de YouTube @depourense e XoseLoisFoxoLIVE.




