Jacobo Sutil e Manuel Precedo

O Cineclube Padre Feijoo de Ourense inicia o vindeiro 6 de abril o ciclo de exhibición de películas para 2015 procedentes da programación do CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) coa proxección de ‘Adiós al lenguaje’ (Adieu au langage), o último filme do cineasta francés Jean-Luc Godard, que poderá verse na sala da Biblioteca Pública Nodal de Ourense.

A película, Premio do Xurado no pasado Festival de Cannes, abre deste xeito unha carteleira anual que estará conformada por un máximo de 30 títulos, cando menos sete deles de produción galega, e que se irá desenvolvendo practicamente cunha proxección semanal, agás nos meses de xullo e agosto.

Así o recolle o convenio de colaboración asinado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Manuel Precedo, presidente do Cineclube Padre Feijoo.

O acordo, que supón a consolidación do cineclube da cidade como a principal extensión continuada e estable da programación do CGAI fóra da súa sede da Coruña, materialízase nunha selección de títulos que levan a cabo os responsables de ambas as dúas entidades, en tanto que a Agadic asume a adquisición dos dereitos de emisión das fitas e os custos dos traslados.

Relación entre cine e pintura
Trala obra de Godard, a programación continuará o 13 de abril con ‘Shirley (Visiones de una realidad)’, de Gustav Deutsch; o 20 de abril con ‘National Gallery’, de Frederick Wiseman; o 27 de abril coa sesión dobre de ‘Cezanne’ e ‘Una visita al Louvre’, de Straub e Huillet; e o 4 de maio con ‘Mr. Turner’, de Mike Leigh. Estas catro últimas citas pertencen ao ciclo ‘Cine e pintura’ actualmente en curso no CGAI, no que se afonda nas relacións entre as dúas artes a través da escolma de películas realizada con motivo da exposición ‘O primeiro Picasso’ no Museo de Belas Artes da Coruña.

Nos meses sucesivos, o calendario de proxeccións irase concretando en correlación á programación anual do CGAI, organizada bimestralmente e conformada por unha selección representativa da diversidade cinematográfica galega e internacional, na que teñen cabida ciclos monográficos, películas para público infantil ou propostas que distribúe por distintos centros culturais españois o Circuíto de Cine Independente.