O Auditorio Municipal acolleu a presentación da 5ª Edición do Festival de Danza Corpo (a) terra, que terá lugar na cidade entre o mércores 1 e o sábado 4 de xullo.

O festival celébrase co apoio do Concello de Ourense xunto con outras institucións colaboradoras. Na presentación estiveron as directoras do Festival, Marta Alonso e Begoña Cuquejo, que avanzaron parte da programación, e tamén o concelleiro de Cultura, Francisco González e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Corpo (a) terra é un festival de danza e artes do corpo que naceu en Ourense no 2011 como ampliación da oferta cultural para a cidade. Distintos espazos, todos eles na zona vella, acollen espectáculos a partir das 20.30 h. Este formato repítese nesta edición que comeza o mércores oficialmente cun espectáculo na Praza de Santa Eufemia. A maiores, a Concellería de Cultura colaborou con outros espectáculos que, sen ir na programación do festival, foron integrados na programación das Festas que tiveron lugar a pasada semana.

Ademais, tamén está prevista a celebración de accións paralelas coma un workshop sobre danza contemporánea baixo a denominación Enxebre´15 ou actividades de interrelación consistentes en clases de salsa na rúa impartidas polos bailaríns Yeinner Chicas, de Nicaragua, e Raúl Martínez, de El Salvador.