Esixe o cese dos responsables, entre os que se atopa a xerente da Xestión Integrada, Eloína Núñez.
A Comisión de Centro do CHUO vén de denunciar un novo colapso do servizo de urxencias. Unha doente que estivo catro días nunha camilla sen pasar a hospitalización, esperas de ata oito horas, pacientes con diversas doenzas compartindo espazos e aumentando o risco para a súa saúde (como é o caso de persoas con problemas oncolóxicos con patoloxías de carácter infeccioso), son algunhas das queixas deste colectivo.
Todo isto, unido ao peche de camas estival, “fai insostible e sitúa ao borde do colapso a este hospital, incrementado polo lamentable estado das instalacións do Santa María Nai”, reclaman dende esta comisión.
Como consecuencia, esixen o cese inmediato do coordinador do Servizo de Urxencias, Arturo González; a xefa de Admisión, Peregrina García; o director asistencial, Ciro Cabezas; e a xerente da Xestión Integrada, Eloína Núñez.





