O alcalde informou á oposición destes temas, aínda que da xuntanza non saiu ningún acordo.
Na súa liña de “permanente diálogo” coa oposición, o alcalde de Ourense convocou este luns unha nova xunta de portavoces, cunha orde do día que incluía asuntos como a alta velocidade, a situación urbanistíca e o plan económico-financieiro do Concello. Basicamente a xuntanza serviu para que Jesús Vázquez, acompañado dos edís Pepe Araújo e Jesús Cudeiro, dese conta de toda a información que ten o grupo de goberno a respecto destes temas, pois non se pretendía chegar a ningún acordo.
No que se refire ao urbanismo, o concelleiro desta área trasladoulle á oposición que o Concello “está traballando no bo camiño” e fará as alegacións correspondentes á decisión do TSXG de valorar unha posible inconstitucionalidade do artigo 96 da LOUGA; “defenderemos a constitucionalidade do proceso”, informaba a posteriori o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araújo.
Unhas informacións que foron valoradas de xeito diferente segundo o grupo da oposición. O voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, insistiu en que o máis importante é que haxa unha segunda exposición pública do novo PXOM. Para o socialista Vázquez Barquero, “non procede” neste momento a toma de posición, por canto aínda non hai ditame do TSXG, “estamos no prazo de alegacións”, recordou. Mentres que para o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome o importante é o que pase este venres no pleno ordinario, cando se debata a moción de OUeC sobre unha segunda exposición pública do Plan Xeral. “Nosotros estamos en contra del plan de urbanismo”, afirmou Jácome, pero o seu grupo aínda non ten decidido o sentido do seu voto.
Integración ferroviaria
No que ten que ver coa integración ferroviaria, o rexedor fixo un relatorio das últimas reunións co Ministerio de Fomento, “falando de prazos e inversión concretas, que no 2016 se incrementa nun 25%”, apunto Araújo. E tamén do proxecto que encargou a Xunta para coñecer as necesidades reais da estación intermodal “pensando no presente e no futuro”.
Desde Ourense en Común botan en falta que se informe á veciñanza máis polo miúdo deste proxecto e o PSOE considera que o PP “non ten ningún interese en levar estas infraestruturas adiante e o único que fai é demorar e demorar”, de aí ese novo estudo de necesidades para a estación que fai a Xunta “catro anos despois de gañar o concurso o proxecto de Norman Foster”, recordou Barquero. Pola súa banda, Democracia Ourensana destacou que sobre a integración ferroviaria no barrio do Peliquín “el Concello va a rogar (a Fomento) que tengan en cuenta la permeabilidad, que el impacto sea el menos posible, ponerse de rodillas al Estado español para que hagan eso”.
Plan económico-financieiro
E finalmente, con respecto ao plan económico –financieiro que o Concello está obrigado a presentar ao superar no último orzamento o teito de gasto, o máis crítico nas súas valoracións foi o voceiro socialista. A Barquero “sorpréndelle” o proceso de negociación coa Xunta de Galicia que mantén agora o novo equipo de goberno sobre este asunto pois cando o seu partido gobernaba “era imposible”.