O presidente da Deputación de Ourense interviu no cumio cun relatorio sobre “O papel das institucións públicas no desenvolvemento do sector empresarial”.
Manuel Baltar defendeu en Madrid, na súa intervención no “South Summit” 2015, o evento de emprendedores e innovación empresarial máis importante do mundo, a implantación dun “ecosistema de innovación” no que se impliquen conxuntamente administracións, axentes sociais e emprendedores, “porque o apoio ao financiamento é clave, pero non é menos importante desenvolver as condicións apropiadas, con procedementos sinxelos, que permitan xerar ideas, articular proxectos de éxito e garantir a sostibilidade das empresas”.
Baltar presentou en inglés as innovacións que puxo en marcha no goberno provincial, sendo o único político convidado, e participou na “Start-up School”, sección na que xestores e empresarios presentan ferramentas de vangarda e consellos de innovación.
Baltar foi convidado pola organización do «South Summit», encontro no que participan as start-ups máis innovadoras e os speakers de primeiro nivel mundial. Nesta edición prevense superar as cifras do ano pasado, que rexistraron preto de 7.000 asistentes de 34 nacionalidades, 3.500 emprendedores, 1.800 grandes empresas e 450 investidores.
O presidente do goberno provincial explicou que unha das liñas estratéxicas do Plan Ourense 15-19 –a folla de ruta da Deputación para este período político- “é a atracción de emprendedores nacionais e internacionais que veñan da man de investidores externos. Dende a Administración estamos a traballar para que neste contexto internacional de grande actividade investidora unha parte deste emprendemento se asente na provincia de Ourense”. “Somos unha administración sólida que actúa con firmeza, dous atributos que esixe calquera proxecto emprendedor de éxito, aos que se lle suma a planificación e a previsibilidade”, dixo, lembrando que a Deputación de Ourense foi a primeira administración pública en aprobar no mes de setembro os orzamentos do ano seguinte.
Por este motivo, remarcou, “estamos a xerar un clima para que investidores internacionais non só invistan en ideas e negocios ourensáns, senón que queremos ir da man deles de tal forma que o investidor achegue a parte financeira e nós, como Administración, acheguemos o ecosistema ideal para poñer en marcha o proxecto de negocio”. “O esencial é crear o clima, o ecosistema, o ambiente para que a idea e o proxecto empresarial xermine”, dixo, convencido de que “en política e na Administración tamén se pode innovar: nós patentamos o concepto “Provincia intelixente”, que supera ao de Smart city, porque cremos que Ourense é unha provincia start up”.´
O presidente da Deputación subliñou que a Administración “debe resolver os problemas burocráticos”, considerando “palabra máxica” á cooperación, “pero para que sexa efectiva é fundamental ter visión e un plan para acadala”, e citou como exemplo o Observatorio Económico Provincial “que nos axuda a deseñar o futuro”.
Baltar considera que a estabilidade política é clave para o desenvolvemento efectivo dos proxectos, nunha provincia agradable e sostible como a de Ourense “na que estamos a desenvolver un Plan Termal que nos diferencia e singulariza”, e destaca que a oferta comercial da provincia de Ourense “susténtase en razóns territoriais, administrativas e de sectores estratéxicos, onde tamén é fundamental a xente, os nosos recursos humanos e a nosa hospitalidade, un pobo emigrante que sabe o que é o esforzo”.
“En Ourense, en Galicia ou en España non nos falta talento ou espírito emprendedor”, dixo Manuel Baltar, e reforzou esta afirmación coa frase que máis utilizou na súa disertación: “I Believe in Ourense” (creo en Ourense), para expresar seu convencemento de que dende a provincia de Ourense pódese crear un importante polo de investimento no que se desenvolvan importantes proxectos tecnolóxicos, moi orientados cara á Administración Electrónica e todas as súas potencialidades”, na liña do concepto de “Provincia Intelixente” que el mesmo creou para aglutinar os proxectos e procesos que se están a levar a cabo en Ourense no ámbito da innovación aplicada aos servizos públicos.