A colaboración do ente provincial permitirá traspasar o orzamento de sete proxectos a 2016.
A cooperación da Deputación permitirá que non se malogren os fondos do Plan de Investimentos do Concello de Ourense pendentes de execución. Así o anunciaron este xoves o presidente do ente provincial, Manuel Baltar, máis o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, logo da xuntanza do comité de cooperación permanente entre ambas institucións.
Vázquez explicou que pola “paralización” na Concellería de Infraestruturas antes da súa chegada ao goberno da capital, «froito da inercia na que levaba dende había anos: descoordinación, falta de proxectos e dificultades técnicas”, estaban pendentes de tramitar e executar sete proxectos do Plan de Investimentos, que suman entre todos eles 1,3 millóns de euros de investimento. Isto é, falta por executar aínda o 27,8% do total previsto neste plan (4,8 millóns), que fora aprobado en novembro de 2014 por PSOE e PP.
En concreto, trátase das obras de rehabilitación da pasarela do Barbaña, da renovación do firme na Praza Eiroás e rúa do Pazo, do abastecemento da Besada – Santa Mariña, da humanización da rúa Concello, da rehabilitación de firme da rúa Mercado, da humanización da Canella do Barbaña-Pozo do Inferno, e da instalación eléctrica para videovixilancia no polígono de Seixalbo.
“Era inviable que as obras estiveran acabadas e pagadas a 31 de decembro”, apuntou o rexedor. De aí a necesidade de buscar “un recoveco legal” para trasladar ese orzamento a 2016. E é aí onde a Deputación saiu ao “auxilio” do Concello de Ourense. A fórmula elixida, e aprobada polos técnicos, é mediante un plan de cooperación coa Deputación. Grazas á cofinanciación por parte da Administración provincial, que achegará 100.000 euros; “agora si estas obras van saír adiante”, subliñou Jesús Vázquez, quen agradeceu o apoio do ente que preside Manuel Baltar. Desta forma o único requisito legal será que todas estas obras estean todas licitadas antes do 31 de decembro.
O plan de cooperación levarase a aprobación no pleno da Deputación o vindeiro xoves 29. No caso do Concello de Ourense, non é preciso este trámite, puntualizou o alcalde.
Vázquez avanzou tamén que nos vindeiros días dará “explicacións detalladas” do Plan de Investimentos, “do que se investiu, do que está pendente e do que se vai executar”.