Expourense acolle esta feira ata o domingo, coa presenza de todas as marcas que operan no mercado ourensán e descontos especiais.

 

Todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participan dende este venres e ata o domingo como expositores no 7º Salón do Automóbil en Expourense. En total, esta cita ofrece máis de 300 vehículos das 24 marcas que operan na provincia e entre os que se poden atopar coches de todas as gamas e modelos adaptados para cada necesidade. Destaca ademais o feito de que todos os expositores contan con prezos especiais para os vehículos cuxa venda se peche nesta fin de semana, aos que hai que sumar os descontos que as propias marcas lles facilitan aos concesionarios para facilitar a venda estes días. Trátase dunha cita vencellada cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. e que este ano conta como novidade co patrocinio de ABANCA.

O 7º Salón do Automóbil Novo foi inaugurado pola directora xeral de Comercio por delegación expresa do Conselleiro de Economía e Industria. Sol Vázquez destacou que a automoción é “unha peza estratéxica para o desenvolvemento da economía galega e que esta cita representa o último eslabón do proceso de produción, que é a comercialización”. A directora xeral estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o presidente do comité executivo de Expourense, Juan Carlos Parada, o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra, e o vicepresidente de A.C.A.U.T.O., Gerardo Aragonés. F

Precisamente este último comentou que “agardamos que o salón nos axude a igualar o resultado das vendas de automóbiles da provincia coa media de España que subiu un 24%. En Ourense incrementáronse un 12%, pero temos por diante un camiño ilusionante e iremos acurtando distancias”. 

En total participarán unha vintena de empresas que engloban en total 24 marcas de vehículos. Todas as marcas están aproveitando a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2016. A oferta de automóbiles presentados cubre todas as necesidades (utilitarios, familiares, deportivos, monovolumes, suburbano, todoterreo…) e tamén todos os petos, xa que a meirande parte delas acoden con descontos en feira que poden acadar ascender ata os 5.000 euros. Deste xeito pódese atopar dende un “Seat Mii” por 6.700 euros a un “Mercedes AMG GT” de 153.000 euros. O obxectivo, gañar cota nun mercado moi competitivo onde todas as marcas xeralistas se moven polas mesmas cifras copando cada unha delas entre un 8 e un 11% do mercado.

Entre as novidades que ofrecen esta cita destaca a presenza durante esta fin de semana do Roadshow de Mazda que consistirá nun tráiler e nunha ducia de vehículos desta marca que os visitantes poderán probar.

O horario de apertura do salón é de 11.00 a 20.00 horas o venres, de 10.00 a 20.00 o sábado e de 11.00 a 20.30 o domingo. A vindeira fin de semana celebrarase o 7º Salón do Automóbil- Vehículo de Ocasión.