As tres mostras que acolle estarán abertas ao público ata o 15 de novembro.
A oferta expositiva do Outono Fotográfico no Museo Municipal completouse este venres coa presentación das obras “Espantallos” de Manuel Sendón, e “Substantivo Feminino”, do portugués Cláudio Garrudo. Xunto con “Philosopher, The Lotus Chronicle”, da xermana Catrine Val, conforman a oferta expositiva do Museo da rúa Lepanto, que permanecerá aberta ao público até o 15 de novembro.
Na inauguración a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou “a suma de esforzos para reivindicar un modelo da verdadeira fortaleza cultural que posúe a cidade”. Desta forma, Galicia, Alemaña e Portugal fican unidos “traendo as periferias para o centro”, en palabras do fotógrafo portugués. No tema, e na forma: a obra de Garrudo obriga a meterse na foto a través do marco, unha forma de destacar as contornas dos corpos que expón.
No mesmo sentido expresouse o fotógrafo coruñés Manuel Sendón, quen reivindicou a estética da Galicia rural, “que non fai arte por vontade”, pero a través dos ollos de quen acode á exposición. “Espantallos é unha obra ao redor da reciclaxe”, dixo, “en certo sentido toda a arte é reciclaxe desde Duschamp”. Os “Espantallos” de Sendón trascenden do marco fotográfico e, por primeira vez na súa carreira, tamén se poden observar a través de vídeos, dándolle ao segundo andar do Museo unha banda sonora moi particular.