Stand de Galega 100%

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, visitou o posto da campaña “O leite que fai crecer Galicia” instalado no edificio administrativo da Xunta.

Díaz Mouteira participou nos actos da campaña “O leite que fai crecer Galicia” dirixidas aos consumidores desta provincia. O obxectivo desta iniciativa é promocionar e fomentar o consumo do leite de calidade amparado polo selo Galega 100%. A xornada consistiu na instalación dun posto na planta baixa da Delegación territorial con distintos produtos lácteos e a súa etiquetaxe e o reparto de bolsas na rúa aos cidadáns .

Díaz Mouteira subliñou que o futuro do sector lácteo galego pasa por unha aposta clara pola calidade do produto e explicou que a implantación deste distintivo entre a sociedade aumentará o valor engadido do leite, o que redundará en prezos rendibles para os produtores e accesibles para os consumidores.

Así, a delegada territorial lembrou que este selo representa unha garantía para os consumidores, xa que ao comprar leite etiquetado con Galega 100% saben que están a consumir un produto de primeira calidade que ten como orixe a nosa Comunidade.

Ademais, Marisol Díaz Mouteira indicou que este tipo de promocións contribúe á concienciación da sociedade sobre a calidade que ten o leite producido en Galicia e os beneficios ligados ao seu consumo. Neste senso, a máxima representante do Goberno galego en Ourense tamén explicou que o feito de comprar leite de Galega 100% implica unha mellora do nivel de vida dos nosos gandeiros e, en definitiva, en beneficios económicos para o sector lácteo galego.

Esta iniciativa promocional estase levando a cavo nas capitais de provincia galegas coas respectivas asociacións de consumidores.