Nun acto organizado polo Foro Enrique Peinador con motivo do Día da Galeguidade Empresarial ao que acudiron representantes de diferentes sectores da economía de Ourense.

Unha vintena de empresarios representativos de diferentes sectores da economía ourensá e galega acudiron este mércores ao salón de plenos do Concello de Ourense para celebrar o Día da Galeguidade Empresarial, acto promovido polo Foro Enrique Peinador e que presidiron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Foro, Xosé García. Este ano, a figura homenaxeada era o propio Enrique Peinador, impulsor das augas de Mondariz.

Nun acto ao que tampouco quixeron faltar os representantes dos grupos políticos da corporación municipal, destacouse o intenso papel a prol da lingua de empresas senlleiras da economía galega como Zeltia, Pescanova, Castromil ou Cuevas. As empresas “xogan un papel fundamental no desenvolvemento e na configuración de pobos e cidades”, declarou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen animou os presentes a “identificarse cos elementos lingüísticos que definen a nosa sociedade para reforzar o discurso da personalidade corporativa”.

“Galicia precisa de empresarios que comprendan a realidade sociolingüística, que dean un paso adiante e incorporen a súa lingua e a súa cultura aos seus negocios, conciliando o mundo empresarial e económico coa defensa dos valores culturais e lingüísticos propios da terra”, dixo o rexedor ourensán.

O secretario xeral, que agradeceu o feito de celebrarse o acto en Ourense, “cidade emblemática da economía galega”, redundou na idea de que “todo pode funcionar en galego e darnos un valor identitario”. Neste sentido, apelou á “confianza que nos dan as marcas e as etiquetas que empregan o galego” para animar os presentes a incorporar “a lingua e a cultura galega como parte da empresa”.