‘Cinemas de Galicia’ pretende apoiar a distribución dos filmes galegos máis recentes, que figurarán no próximo catálogo da Agadic e ‘XX Aniversario’ xorde como recoñecemento ás películas que participaron no Festival ao longo da súa traxectoria.

 

A vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense incorpora dúas novidades coas que fornece a programación e que consisten en senllos ciclos titulados ‘Cinemas de Galicia’ e ‘XX Aniversario’, respectivamente. Froito da colaboración entre o OUFF e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) preséntase este ano este ciclo, co que se pretende apoiar a distribución dos filmes galegos máis recentes. Son primicias do novo catálogo que sairá á rúa no próximo mes de novembro. Así, en dobre sesión estrearanse a longametraxe de animación «Bruxerías» e o documental «Os días afogados».

O segundo ciclo novidoso está dedicado o vixésimo aniversario do Festival. Vinte anos dan para moito e merecen unha pequena homenaxe e ademais de pór en valor a traxectoria do certame, é unha forma de recoñecer as obras presentadas ao longo da historia cinematográfica destas dúas décadas, xa que en todas estas edicións pasaron pola cidade valiosos directores e polas pantallas magníficas películas. Este ciclo quere render tributo a algún títulos galardoados no seu día, entre eles o inesquecible «León y Olvido», do ourensán Xavier Bermúdez; «Contra la pared» e «Caché» (Escondido).

Sesións especiais
Nesta sección, xa tradicional, inclúense os traballos que pola singularidade e interese, ou por estaren ligados a determinadas actividades paralelas e colaboracións do festival, necesitan un espazo propio.Así, proxectarase «Ourense: ICC Week», documental con conversacións sobre o panorama actual da industria cultural e creativa, organizado pola Deputación de Ourense; e o filme «Neuro».