Baltar con Los Suaves

Manuel Baltar afirmou que son os mellores embaixadores de Ourense no ámbito musical.

O presidente da Deputación de Ourense recibiu en audiencia no Pazo Provincial aos integrantes e ao representante do grupo Los Suaves a quen, avanzou, “se lles outorgará a Medalla de Ouro da provincia de Ourense”, e cualificounos como “os mellores embaixadores de Ourense no ámbito musical”.

O grupo, que nestes momentos se atopa facendo a súa xira de despedida, recibiu o ofrecemento do presidente do goberno provincial “para que estes 35 anos de música de Los Suaves rematen cun concerto na nosa provincia, para o que contarán coa colaboración da Deputación de Ourense co fin de acoller un gran evento que realce a súa traxectoria e que sirva para vencellar a este grupo musical de Ourense para sempre coa súa provincia”. O concerto celebrarías no 2016.

Manuel Baltar confirmou que no vindeiro mes de novembro levarase ao pleno da Corporación Provincial unha iniciativa para instruír un expediente que terá como obxectivo a concesión da Medalla de Ouro da provincia de Ourense. “Trátase dun recoñecemento á súa traxectoria, á súa personalidade musical e a súa permanente identificación con Ourense, presumindo de ourensáns aló por onde van”.

O vocalista do grupo, Yosi Domínguez, agradeceu o recoñecemento da Deputación, «era lo que nos faltaba, más ya imposible», ao que corresponderán «con un concierto de oro». O líder de Los Suaves insistiu en que a actual é a última xira do grupo, «lo que pasa es que se van alargando conciertos. Ahora nos llegó el tiempo de parar, eso no quita que abandonemos la música». Algúns dedicaranse á docencia e a outros «a lo mejor se le ocurre escribir una canción para otros, siempre fue una ilusión», dixo.