O xoves, ás 20.00 h, na Sede Afundación de Ourense.
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) presenta o xoves 29 de outubro, o filme «Un amigo para Frank» enmarcado dentro do ciclo de cinema «Os de máis de 60 contamos» que foi programado pola entidade co obxectivo de estender a campaña alén do propio Día Internacional das Persoas Maiores. Dirixida por Jake Schreier e interpretada por Frank Langella e Susan Sarandon, entre outros, esta traxicomedia xira ao redor da relación entre Frank, un vello solitario e calado que sofre frecuentes perdas de memoria, e o robot que se encarga de coidalo. Pouco a pouco Frank comezará a facerse amigo da máquina ata o punto de ensinarlle algunhas das súas secretas habilidades. O filme será de acceso libre e gratuíto e terá lugar ás 20 h na Sede Afundación de Ourense (Avda. de Pontevedra, 9).
«Un amigo para Frank», «Le Week-End», «En construcción» e «Sang Woo y su abuela» son as catro películas escollidas para o ciclo de cinema, as cales analizarán desde diferentes perspectivas as incertezas e os retos de ser maior, a soidade, a perda, mais tamén a ilusión de vivir e a oportunidade de renovarse, aprender e seguir medrando.