O certame infantil e xuvenil acadou récord de participación na presente edición, con 126 traballos presentados.

 

O luns 16 de novembro terá lugar a gala da entrega de premios das diferentes categorías do OUFF Escola, que nesta edición acadou récord de participación coa presentación de 126 películas realizadas por estudantes de lingua galega. Os traballos proceden das catro provincias galegas, sendo a de maior achega a de A Coruña. O total de participantes implicados na realización das creacións audiovisuais está estimada en 2.320 rapaces.

No transcurso da gala daranse a coñecer os gañadores e proxectaranse os filmes galardoados no certame. O martes 17, pasarase no Auditorio a película de animación “Maimiño”, unha coprodución cubano-española, que conta coa banda sonora de Silvio Rodríguez.

O mércores 18 proxectarase tamén no auditorio «18 comidas”, filme galego dirixido por Jorge Coira que se move entre o drama e a comedia.

Ademais, a programación deste ano ofrece como novidade os obradoiros para nenos que se levarán a cabo os días 17, 18 e 19 no centro cultural Ángel Valente e que estarán dedicados á animación no primeiro día e a creación audiovisual os dous seguintes. Martes e mércores impartiranse de 16 a 19 horas, e o xoves de 11 a 13 e de 16 a 19.

Dentro da sección de Cine Infantil nos barrios, o Festival estende as súas proxeccións para achegar aos máis pequenos algunhas das producións máis importantes da cinematografía infantil producida en Galicia. O domingo 15, ás 12 horas, proxectarase simultaneamente “O bosque animado” na Sociedade Cultural Albor , no Centro Cívico A Cuña e no Espazo Lusquiños. O sábado 21, nos mesmos centros é a mesma hora, proxectarase “O soño dunha noite de San Xoán”. As proxeccións terán entrada libre e gratuíta.